Apurado triunfo do Leis ante o Sala Ourense e derrota do ADFS Bueu ante o segundo clasificado
Por Redacción
Traballada vitoria do Leis Pontevedra en casa ante o Sala Ourense (7-5) nun partido que non se pechou ata os minutos finais.
Os pontevedreses chegaron a ir gañando 4-0 no minuto 27, despois de dominar con claridade a primeira metade, pero o choque complicóuselles e non foi ata o final que cumpriron os prognósticos ante o penúltimo clasificado da Segunda B de Fútbol sala.
Tras anotar o cuarto gol, o Sala Ourense conseguiu só un minuto despois reducir distancias dando paso a un período de dúbida nos locais. Así chegarían dous goles máis ata o 4-3.
Reaccionaron entón os de Manu Cossío, pero a cada gol do Leis respondía con outro o Sala Ourense, ata que a falta de 40 segundos Miguel sentenciaba o choque co 7-5 definitivo. O triunfo mantén ao Leis na quinta praza da clasificación con 33 puntos.
Peor sorte correu o ADFS Bueu na pista do segundo clasificado, o Cuéllar segoviano, nun choque no que mostrou boa imaxe pero no que terminou cedendo por un enganoso 10-4.
Cunha formulación valente, empregando en ocasións a táctica de porteiro-xogador, o Bueu chegou a poñerse por diante no inicio do partido e a igualar en dúas ocasións durante a primeira metade. Con todo os erros defensivos e as difcultades en portería, antes as lesións dos seus gardametas Hugo e Mario, terminou pesando aos do Morrazo.
A derrota impide ao ADFS Bueu achegarse á zona de salvación e segue pechacancelas con 13 puntos.