As defensas impóñense aos ataques no duelo entre Poio Pescamar e Universidad de Alicante (1-1)
Por Redacción
Poucos goles pero partido vistoso para os espectadores. Poio Pescamar e Universidad de Alicante fixeron valer s súas defensas sobre os respectivos ataques para abortar as numerosas ocasións de marcar, nun choque de ida e volta e sen aparente control por parte de ningún dos equipos.
O partido comezou con gran intensidade e transicións rapidas, con dominio alacantino pero moito perigo nas contras do Poio. Serían as visitantes as que se adiantasen ao aproveitar un desaxuste defensivo nun balón interior, que Anita encargábase de transformar.
Pero as mozas de Basanta non se desanimaron e puideron empatar en dúas ocasións, con senllos remates ao traveseiro e ao pau.
Na segunda parte, o Poio optou por situar unha defensa en metade de cancha, coa que logrou obstaculizar a rápida circulación de balón das universitarias. En xogada de estratexia á saída dun córner, Elena conseguía o empate, que aumentaba a emoción.
Co paso dos minutos as locais cubrían a cota de cinco faltas, o que levou ás alacantinas a optar polo xogo de cinco, a falta de menos de dous minutos para a conclusión, pero sen claridade para poñer en perigo a meta local, salvo en disparos de media distancia que non lograron o seu obxectivo, ante un Poio que coas súas contras tamén puido conseguir a vitoria.
POIO PESCAMAR (1): Irene; Claudia, Moldes, Charo, Jenni -cinco inicial-, Ale, Pipi, Elena, Suki e Jessi.
UNIVERSIDAD DE ALICANTE (1): Jénnifer; Sara, Rocío, Txitxo, Mónica -cinco inicial-, Anita, Pao e Lara.
Árbitros: Presedo García e Vilas Martínez (Galicia). Amoestaron á xogadora alacantina, Mónica.
Goles: (0-1) Minuto 9: Anita. (1-1) Minuto 22: Elena.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 300 espectadores.