Fernando Echávarri busca achegarse aos Xogos de Río no Trofeo Princesa Sofía
Por Redacción
As augas de Palma de Mallorca acollen desde este luns, 28 de marzo, o Trofeo Princesa Sofía de Vela, unha competición clave nalgunhas das clases olímpicas para compoñer o equipo nacional que acudirá a Río 2016.
Unha das clases onde a competencia é máxima é o Nacra 17, na que o pontevedrés Fernando Echávarri busca repetir experiencia olímpica formando parella coa canaria Tara Pacheco.
O Princesa Sofía é o segundo dos tres eventos clasificatorios, tras os que a Federación Española decidirá cal é a tripulación que acuda a Río de Janeiro.
Echávarri, campión olímpico en 2008, parte con vantaxe tras o abandono de Iker Martínez e Julia Rita no recente Mundial de Florida por culpa dun choque con outra embarcación. Echávarri e Pacheco foron décimo terceiros nesa cita.
Iker Martínez pediu unha reparación á Real Federación Española de Vela, pero denegáronlla, o que facilita o camiño ao pontevedrés Fernando Echávarri, que con todo deberá confirmarse como a mellor opción esta semana en Palma e proximamente en Hyères, terceira das competicións selectivas.