O Marcón cae na casa (0-1) contra o Arenteiro e complícase aínda máis a permanencia
Hai veces que o fútbol non é xusto. Días nos que quen mellor xoga vaise para casa de baleiro. E iso é o que lle ocorreu ao Marcón Atlético este domingo no campo do Carrasco.
Lonxe iso si, do nivel que este equipo demostrou na primeira volta de liga, os de Carlés mereceron mellor sorte ante un Arenteiro que soubo aproveitar a súa única oportunidade de perigo para levar os tres puntos e impedir que os pontevedreses desen un paso vital cara á permanencia no grupo sur da Rexional Preferente.
Os do Carballiño saltaron ao campo moito máis centrados. Súa foi a iniciativa nos primeiros minutos, pero sen crear perigo algún na portería de José. Aos poucos, o Marcón foi atopando o seu sitio sobre o terreo de xogo e dispuxo de varias ocasións para adiantarse no marcador. Iso si, ningunha como a de Aarón que, no minuto 28, non alcanzou a rematar un centro de Almirón desde a esquerda que paseou por diante da portería.
E precisamente cando mellor estaban a xogar os pontevedreses chegou o gol do Arenteiro. Dani, tras aproveitar un rexeite, batía por baixo ao meta local no minuto 38. Ese 0-1 noqueou os branquiazuis, que marcharon ao descanso sen apenas poder reaccionar ao gol.
Na segunda parte, o Marcón saíu decidido a remontar o partido. E a punto estivo de empatar cando apenas pasaran catro minutos. Un remate de Arturo a pase de Sapi ía alto por moi pouco. O mesmo ocorríalle a Aaron pouco despois, aínda que o seu disparo marchaba pegado ao pau, ou a vaselina que tentou sen éxito Valiñas que tamén estivo a piques de sorprender ao porteiro visitante.
Pero os pontevedreses toparon cun Arenteiro que se limitaba a defender o gol logrado na primeira parte e a perder o maior tempo posible, algo que lle supuxo máis dun cartón aos seus xogadores e que irritou tanto aos xogadores como ao corpo técnico do Marcón e tamén á inchada local. Así, en varias ocasións o xogo tivo que ser interrompido polos constantes encontróns duns e outros.
Aínda caldearía máis o ambiente o árbitro ao anular un gol do Marcón, obra de Berto, por un suposto fóra de xogo que foi moi discutido polos locais. Era o minuto 87 e a partir de aí o partido descontrolouse. Presa dos nervios, o xogo dos homes de Carlés volveuse algo errático e, aínda que loitaron ata o final por lograr polo menos o empate, topáronse unha e outra vez coa magnífica actuación do porteiro do Arenteiro.
Consulta aquí o acta do partido.
Con esta derrota, o Marcón queda con 43 puntos na décimo quinta praza. Pero a vitoria do Caselas, que suma 41, complica as cousas pola parte baixa da clasificación.
Seis equipos, actualmente en só tres puntos de diferenza, tratarán de evitar os dous postos de descenso -un directo e outro por arrastre ao caer o Verín de Terceira División-. Alertanavia e Portonovo suman 44 puntos polos 43 do Marcón e os 42 do Mondariz. Os catro estarían salvados, pero sen apenas marxe para o erro. Caselas e Lalín, ambos con 41 puntos, serían os que de acabar a liga así descenderían a Primeira Rexional.
Relacionadas:
-
Adeus á Preferente: o Marcón cae ante o Alertanavia (0-1) e consuma o seu descenso
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Paso de xigante do Marcón cara a permanencia gañando en Monterrey (1-3)
Por Redacción |
-
O Unión Grove sela a permanencia, o Sanxenxo achégase e o Céltiga acariña o ascenso
Por Redacción |
-
O Villalonga asegura o título á conta dun Marcón que se mete en problemas (3-1)
Por Redacción |