O Pontevedra, a despedir a tempada con boas sensacións
Por Diego Espiño
Última parada da tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, que este domingo recibe ás 18:00 horas ao Burgos no Estadio Municipal de Pasarón.
Será a despedida dos granates ante a súa afección, un plantel que quere quitar a espiña das últimas xornadas, seis consecutivas, que encadea sen gañar para despedirse con bo sabor de boca tras unha notable tempada.
En fronte, un Burgos que chega como quinto clasificado coa necesidade de gañar para certificar a súa clasificación para a Copa do Rei.
Proba de nivel para o Pontevedra de Luisito, que conta con só dúas baixas seguras, a de Jacobo por sanción e a de Pablo Carneiro, que segue lesionado.
Polo demais o técnico de Teo convocou ao resto do plantel e, como foi habitual durante toda a tempada na casa, decidirá a convocatoria de 16 pouco antes do partido, neste caso con dúbidas polo estado físico de varios futbolistas como Adrián, Pedro García e Kevin Presa que arrastran molestias. Isto fixo que entren na lista Lezcano e Teti, dous xuvenís que xa viñeron adestrando co equipo durante toda a semana, sendo moi probable que polo menos un deles teña a oportunidade de vestirse de curto.
O choque será arbitrado polo colexiado madrileño Sergio Pérez Muley, que xa se cruzou cos granates na segunda xornada de liga, na que perderon pola mínina en Cáceres.