O empate co Burgos (1-1) deixa o Pontevedra sen Copa do Rei pero asinando unha boa tempada
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Adeus á tempada e ao soño da Copa do Rei. O Pontevedra non pasou do empate fronte o Burgos, nun partido no que por ocasións mereceu a vitoria, pero no que unha vez máis volveu pagar a súa falta de acerto na finalización, e tamén un grave erro individual de Capi, que custou o tanto do equipo castelán.
Cada equipo dominou un tempo, pero foi o Pontevedra quen no primeiro, sen ter o balón, dispuxo de ata catro ocasiones clarísimas para sentenciar o resultado ao seu favor. O Burgos marcou na súa única opción seria, conformándose cun empate que lle deu a quinta praza, mentres os granates terminan novenos.
A primeira parte transcorreu entre o mellor manexo de balón dos burgaleses, aínda que ese dominio non se traducise en profundidade para xerar perigo, e as ocasións perdidas por un Pontevedra que seguiu exhibindo os problemas que provocaron o descenso no seu rendemento na segunda fase ligueira.
A aposta de Ángel Viadero, que situou sobre o terreo un 4-4-2 de clara vocación ofensiva, diluíuse porque os seus xogaron ben en tres cuartos de campo, pero apenas lles deu para inquietar a Edu máis que nun par de chegadas, sen excesivo perigo e nula finalización.
Mentres, o Pontevedra estivo perdido durante os 20 primeiros minutos de partido, para espertar ofensivamente e crear tres claras ocasións en apenas cinco minutos, todas elas abortadas por falta de puntería, ademais do acerto do meta visitante, Toni.
Älex Fernández tivo a primeira ao recibir un centro de Jandrín. Mandou o balón desviado, desde a frontal da área. O propio Jandrín sería protagonista das outras dúas. Nunha o seu disparo sálvao Toni con apuros, en dous tempos. Na outra recibe un excelente pase ao oco de Bello que o deixa só, pero estrela o remate nos pés do porteiro visitante.
Logo volvería o partido ao mesmo escenario anterior, cun par de chegadas burgalesas, especialmente unha penetración do lateral Julen Castañeda, que non atopa co seu centro a Camochu, para irse ao descanso cunha nova ocasión clamorosa do Pontevedra que, como as tres anteriores, foi ao limbo. Era o minuto 43 cando Borjas gaña as costas a Carlos e plántase ante Toni, pero cando a bancada case cantaba o gol, de novo o remate estrélase no corpo do meta.
Cambiou a decoración na segunda parte. O Pontevedra sacudiuse o dominio territorial, cun Burgos que perdeu a pelota e tamén a súa capacidade de chegada, na mesma medida da súa ambición, ao coñecer que o empate lle bastaba para manter a quinta praza da táboa.
Pero agora eran os granates os que non conseguían traducir ese dominio territorial en accións de perigo. Unicamente un remate de cabeza de Capi, minuto 65, ao que non chegou Borjas por pouco no segundo pau e acabou fóra, puxo algo de picante a un partido que se ía apagando co paso dos minutos.
Os granates non podían e os casteláns non querían. Ata que un erro individual cambiou todo. Un centro sen perigo aparente desde a esquerda de Germán, minuto 73, non é capaz de despexalo Capi, con todo a favor, deixando o balón nos pés de Adrián Hernández, que agradeceu o balón para adiantar ao seu equipo, na súa única ocasión seria en todo o partido.
Case sen querelo o Burgos atopábase por diante no marcador, pero o Pontevedra reaccionou pronto nunha excelente acción individual de Borjas. O dianteiro canario recolleu un balón no pico da área (minuto 78), desfíxose de dous contrarios e soltou un disparo de 'rosca', co interior da bota, que se coou xunto ao poste contrario, a media altura, imposible para Toni.
Despois o Pontevedra seguiu tentándoo, xa sen ocasións. Luisito deu a alternativa ao xuvenil Lezcano, que debutou recibido pola bancada cunha gran ovación. Case foi o mellor da tarde, xunto co gran gol de Borjas. O outro é que a liga se terminou. Unha gran tempada, que se fixo excesivamente longa, deixando una certa sensación amarga polos resultados das últimas xornadas, ás que ao equipo penalizoulle especialmente a súa falta de pegada.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Miguel, Bruno (Pedro García, minuto 72), Capi, Verdú; Queijeiro, Álex Fernández; Hugo (Lezcano, minuto 79), Bello (Mouriño, minuto 55), Jandrín; e Borjas.
BURGOS CF (1): Toni; Andrés, Carlos, Odei, Julen Castañeda; Sergio Cortés (Bellido, minuto 85), Pepe Delgado, Zarandona, Fito Miranda (Jonathan Valle, minuto 77); Adrián Hernández e Camochu (Germán, minuto 59).
Árbitro: Sergio Pérez Muley (Madrid), auxiliado nas bandas por Héctor Loeches Jorge e Raúl Sánchez-Mateos Domínguez. Amoestou a Andrés, polo Burgos.
Goles: (0-1) Minuto 73: Adrián Hernández. (1-1) Minuto 78: Borjas.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 2.000 espectadores.Durante o descanso saltaron ao campo os diferentes equipos da canteira granate, para a súa presentación ante a afección, pousando para a foto de "familia".
Relacionadas:
-
O Pontevedra ofrece a renovación a Company e Jandrín
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra negocia un triangular con Celta e Deportivo dentro dos actos do seu 75 aniversario
Por Diego Espiño |
-
Semana de reflexión e despedidas no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a despedir a tempada con boas sensacións
Por Diego Espiño |
-
César Ramos frea de novo ao Pontevedra cun grave erro que impide o seu triunfo en León (0-0)
Por Redacción |