Cancelan o I Meeting Rías Baixas por "falta de apoios"
Por Diego Espiño
Estaba chamado a ser, segundo o seu principal organizador Gonzalo Méndez, "o evento máis importante dos últimos 30 anos no atletismo galego", pero finalmente non terá lugar.
A pouco máis dun mes para a data de celebración Méndez anunciou este mércores a cancelación oficial do Meeting Rías Baixas, reunión atlética que tiña previsto reunir aos mellores atletas nacionais e galegos na pista do Centro Galego de Tecnificación Deportiva o 28 de xullo.
Detrás desta decisión está, segundo explicou ante os medios de comunicación, a falta de apoio das institucións públicas "e tamén deportivas", especialmente a falta de concreción dos compromisos alcanzados coas diferentes administracións.
"Os atletas galegos sempre estiveron ao meu lado, non o atletismo galego", denunciou o organizador do evento en alusión á Federación Galega de Atletismo. Ademais Gonzalo Méndez criticou duramente a política deportiva das institucións, aludindo en concreto a Concello de Pontevedra e Deputación.
Gonzalo Méndez: "Parece que non queren saber nada de deporte de verdade e só queren saber dun reto solidario a África"
"Están apoiando certas cousas que pouco teñen que ver co deporte e estanse esquecendo do verdadeiro deporte. Parece que non queren saber nada de deporte de verdade e só queren saber dun reto solidario a África ou da subida en bicicleta a non sei onde", sinalou en referencia ao complicado de organizar unha competición federada.
Neste aspecto a proliferación de carreiras populares, aínda que respectables, fan ao seu xuízo que "sempre se beneficien os mesmos, os que fan fondo, e este meeting era para dar apoio aos que lanzan xavelina, aos que corren 100 metros...".
"Sinto moito non poder levalo a bo porto", concluíu o principal responsable da organización, que compareceu ante os medios de comunicación na Casa da Luz antes de viaxar a Madrid para "desculparme cos atletas" cos que chegara a un acordo para contar coa súa presenza. Entre eles atópase a capitá da selección española, a cántabra Ruth Beitia e que pasaba por ser a imaxe do evento.