Jandrín regresa a Asturias e firma polo Lealtad
Por Redacción
Mentres o Pontevedra traballa na fichaxe de dous dianteiros, os futbolistas que se desvincularon do club granate este verán seguen atopando acomodo noutros equipos da categoría.
Algúns, como o caso de Jandrín, regresarán a Pasarón esta tempada defendendo as cores doutro equipo, e é que o extremo asturiano volve á súa terra tras confirmar a súa fichaxe polo Lealtad.
Jandrín, que chegou á cidade de Lérez o pasado verán procedente do Real Avilés, desvinculouse do Pontevedra ao non aceptar as condicións da oferta de renovación que lle propuxo o club, tras un ano no que participou en 38 partidos (37 de liga e 1 de copa) e anotou tres goles.
Outro futbolista que atopou acomodo nas últimas horas é Antonio Bello, que retorna poucos meses despois ao Grupo IV da Segunda B.
Bello, que recalou no Pontevedra no mercado invernal procedente do UCAM Murcia, xogará a próxima campaña no FC Jumilla. No club de Pasarón disputou 15 partidos de liga, sendo dos primeiros futbolistas do plantel en anunciar que non continuarían defendendo a elástica granate.