Máis dun cento de inscritos para o "reto deportivo" e "persoal" do III PonteAndar
Por Redacción
O Club Montañeiros Pontevedra A Roelo organiza para este sábado 24 de setembro a terceira edición de PonteAndar.
A andaina deportiva, incluída dentro do circuíto galego, conta con 50 quilómetros de percorrido polos municipios de Pontevedra e Barro, aínda que habilitará unha opción curta de 30 quilómetros.
Con saída ás 9:00 horas desde o pavillón Multiusos da Xunqueira, espérase a presenza de preto de 150 participantes, que contarán cun prazo máximo de 12 horas para completar o percorrido.
Tras a saída, na que se dirixirán á senda de pescadores do Lérez, pasarán por Xeve, "imos ao Monte Acibal, Pontillón do Castro, pasamos por Barro (A Barosa) e voltamos para Pontevedra" collendo un tramo do Camiño de Santiago, explicou Manuel Beloso, presidente do club pontevedrés.
Beloso lembrou ademais que se trata de "un reto deportivo pero non competitivo", e que a xente poderá completar o percorrido "ao seu ritmo, falando ou axudando aos compañeiros".