Leis Marcón e Cidade de Pontevedra inician a súa andaina na Segunda División Feminina
Por Redacción
A Segunda División de fútbol sala feminina sube o pano dunha nova tempada, na que Pontevedra terá dobre representación.
Debuta na categoría o Cidade de Pontevedra, equipo que encara o seu segundo ano de vida e que quedou encadrado no Grupo I xunto a equipos de Navarra, Cantabria, Aragón, A Rioxa e Logroño.
Con todo o seu primeiro partido na división de prata non se poderá disputar en Pontevedra, xa que as obras do Pavillón Municipal dos Deportes e a falta de dispoñibilidade noutras instalacións empuxan ao Cidade a debutar como local este sábado (20:00 horas) no pavillón da Seca, en Poio, recibindo ao Sala Zaragoza.
Pola súa banda o Leis Pontevedra, que repite no Grupo IV, inicia unha nova campaña en Segunda fóra da casa, visitando ao sempre complicado Ciudad de Alcorcón no Pabellón Los Cantos (sábado, 17:00 horas).
Filial dun equipo da máxima categoría, o cadro madrileñp conta cun plantel novo pero de gran calidade, polo que será unha cita que examinará o nivel das xogadoras adestradas este ano por Raúl Jiménez.