Katya Calvar colga o bronce no Open de Croacia de taekwondo
Por Redacción
Unha nova medalla de bronce colgou a taekwondista galega Katya Calvar. Foi no Open de Croacia, un torneo de categoría G-1, que se disputou esta fin de semana.
A deportista do Mat's de Marín enfrontouse no primeiro combate da categoría de -67 quilogramos á representante de Bosnia Herzegovina e logrou unha cómoda vitoria por 8-4. En cuartos de final esperaba a taekwondista grega Athanasia Mitsopoulou e Katya Calvar volveu a ser mellor nun gran combate, derrotando á súa rival por 5-6.
Xa estaba nas semifinais e a medalla asegurada, pero Calvar quería máis e loitou ao máximo por chegar á gran final. Pero nesta oportunidade, a croata Matea Jelic (medallista europea) logrou o triunfo nunha apertada loita que se decantou ao seu favor por 4-6.
No torneo tamén competiu o deportista do Mat´s Pablo Fernández na categoría de -87 quilogramos. O pontevedrés gañou o primeiro combate ao represente de Alemaña por 6-9, pero caeu no segundo contra Ramin Azizov (Azerbaián) por 1-6.
A participación pontevedresa no Open de Croacia pechouse co junior Javier González do Mace Sport que, na categoría de -63 quilogramos, caeu nos cuartos de final no punto de ouro, despois de facer unha magnífica competición.
Venceu no primeiro combate ao represente de Alemaña e posteriormente ao de Noruega. Nos cuartos de final, contra o taekwondista de Croacia, caeu no punto de ouro.