Encher de colorido o Pavillón, obxectivo do Concello nos partidos da Liga Europea de Nacións de tenis de mesa
Por Diego Espiño
O centro de atención do tenis de mesa nacional manterase uns días máis en Pontevedra coa celebración o próximo martes día 12 de marzo da quinta e última xornada da Liga Europea de Nacións na que a Selección Española masculina se xogará a permanencia na máxima categoría ante Serbia, mentres o combinado feminino se enfrontará á actual campioa de Europa, Romanía.
O Pavillón Municipal será o escenario dos partidos, que se xogarán por primeira vez de xeito simultáneo, dende as 19:30 horas. Un escenario importante que se pretende encher de colorido, tal e como asegura o alcalde capitalino Miguel Anxo Fernández Lores, "facemos un chamamento á cidadanía, serán uns partidos espectaculares pola emoción de xogarse a permanencia e polo espectáculo. Se non Pavillón collen 4.000 persoas conformámonos con 3.000".
Dende o Concello estenderase un convite a todos os colexios en busca dese ambiente, segundo o concelleiro Agustín Fernández, "a intención é que poidan coñecer este deporte". A entrada ao evento será gratuíta.