Sufrido e transcendental triunfo do Teucro en Ciudad Real (27-28)
Por Redacción
Sufrindo sabe mellor. Así gañou o Teucro en Ciudad Real a un sempre complicado Alarcos, capaz de facer dobrar o xeonllo a Zamora e aspirante a meter a cabeza nos postos de play-off. A vitoria dos de Quique Domínguez chegou nun partido igualado, que non deu respiro a ninguén e que significa un paso de xigante para o conxunto azul, que suma o seu oitavo triunfo consecutivo e aproveita que Palma del Río perdeu en Barcelona para poñerse terceiro nun triplo empate con cataláns e andaluces, e a só dous puntos do novo líder Seguros Zamora.
Gañar no mítico Quijote Arena non está ao alcance de calquera. O Teucro fíxoo, presentando candidatura seria nun equipo que, a medida que recupera lesionados, móstrase máis firme e confiado nas súas posibilidades de optar ao regreso á liga Asobal.
A igualdade marcou o desenvolvemento do xogo. Na primeira parte o conxunto pontevedrés comezou mandando, pero as súas vantaxes nunca chegaron a superar os tres goles (5-8, minuto 17). Alarcos tiña en Nelson Espino (8 goles) o seu guía, e foron precisamente os seus goles os que lle permitiron irse ao descanso con mínima vantaxe (14-13).
Nada máis comezar o segundo tempo Alarcos adiantábase, de novo por medio de Nelson Espino, que era o responsable igualmente da máxima diferenza local (17-14).
A reacción teucrista foi inmediata e con goles de Carlos García, Edu Moledo e Óscar Silva levaba a igualdade ao electrónico (minuto 40). Os pontevedreses pasaban a mandar cunha escasa renda de dous goles, pero Alarcos non cedía e respondía volvendo tomar a dianteira (24-23) a falta de sete minutos.
Foi o momento de máxima intensidade do partido e o Teucro soubo xogalo. Dani Hernández, Borja Méndez e Óscar Silva volteaban o marcador e o Teucro gañaba (24-26) con cinco minutos por xogar. Reduciu Alarcos, pero dous goles de Carlos García pareceron sentenciar o partido definitivamente (25-28) a falta de pouco máis dun minuto.
O equipo local non se rendeu e fixo sufrir ao Teucro ata o final, con dous tantos de Candeleda que puxeron o marcador final en 27-28. Quedaban 23 segundos. Os de Quique Domínguez non permitiron máis alegrías e conservaron o balón para asegurarse un triunfo axustado, sufrido e importantísimo.
Consulta aquí o acta do partido.