Un gol sobre a bucina evita o triunfo do Teucro en Barcelona (31-31)
Por Redacción
Na man tivo a Sociedad Deportiva Teucro a súa décima vitoria consecutiva na liga, pero un gol sobre a bucina do Barcelona B evitouno nun duelo disputado de poder a poder e cheo de alternativas (31-31) no que ambos os equipos mostraron un gran nivel.
Comezou costa arriba o choque, cun filial azulgrana que marcou un parcial de saída de 3-0 ao seu favor. Tardou máis de 4 minutos e medio o Teucro en ver portería, cun gol de Carlos García que espertou aos de Quique Domínguez.
Ángel Iglesias e Pichel neutralizaban a renda inicial dos locais aos 7 minutos, comezando entón unha fase de igualdade con intercambio de golpes e lixeiras vantaxes do Barcelona. Foi así ata que con 9-7 no electrónico, o Teucro logrou un parcial de 0-4 para conseguir a súa primeira vantaxe no electrónico e obrigar ao técnico catalán a parar o partido (9-11).
Aínda que o conseguiu nun inicio igualando a 11 goles, a tendencia cambiara e o equipo pontevedrés empezou a dominar o xogo, aproveitando unha exclusión de Adrià León para abrir de novo brecha e chegar ao descanso con tres goles de vantaxe (13-16).
As cousas estaban a saír ben, e con esa confianza nin a exclusión de Iván Fernández ao comezo do segundo tempo desconcentrou aos azuis, que gañaron esa inferioridade e consolidaron o seu dominio. Con todo cando menos o esperaban, o Barcelona B reaccionou facéndolles pasar os peores momentos do partido, e cun parcial de 5-0, que tentou cortar Quique Domínguez cun tempo morto, volveron poñerse por diante (20-19).
Carlos García e Edu Moledo cortaron a sangría, pero dúas exclusións de Johnny Medina pararon esa progresión e puxeron difícil o partido (24-22) a menos de 10 minutos para o final.
Non estaba todo dito e da man de Borja Méndez o Teucro meteuse de novo no choque cun parcial de 0-3. Desde ese momento, igualdade máxima nos últimos minutos ata que un tanto de Dani Hernández a falta de só 13 segundos parecía que ía dar o triunfo aos azuis, pero co tempo cumprido Castro establecía o 31-31 final que non embaza o bo traballo teucrista.
Con este punto o Teucro queda a un punto do liderado da categoría antes de recibir no Municipal o vindeiro sábado (20:30 horas) ao equipo que ocupa o lugar de privilexio, o Palma del Río.
Relacionadas:
-
Vitoria do Teucro en Bordils para pechar a primeira volta como líder (21-26)
Por Redacción |
-
O Teucro viaxa sobre aviso a Bordils para afrontar a última xornada do ano
Por Diego Espiño |
-
Monumental partido do Teucro para vencer (33-27) ao Palma del Río e confirmar a súa candidatura ao ascenso
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Partido polo liderado entre Teucro e Palma del Río no Municipal
Por Diego Espiño |
-
A décima do Teucro pasa por Barcelona
Por Redacción |
-
Sofre o Teucro pero remonta e gaña a un bo Alcobendas (32-28)
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |