Atletismo popular e boxeo para unha completa fin de semana deportiva en Marín
Por Redacción
A próxima fin de semana, 17 e 18 de decembro, será especialmente deportiva en Marín, con dous eventos que completarán a habitual oferta do municipio.
Por unha banda os afeccionados ao deporte poderán achegarse ata o II Torneo de Nadal de boxeo organizado polo Team Thunder, e por outro está a carreira pedestre VIII San Silvestre Subida a Castro, organizada pola Asociación de Veciños Serraseca de Castro, que se disputarán en ambos os casos o domingo 18.
O pavillón do Colexio San Narciso será escenario a partir das 11:00 horas da competición puxilística, de formas de boxeo, na que se espera contar con preto dun cento de participantes tendo en conta que só o club local, o Team Thunder, achega 40 deportistas á cita de entre 6 e 16 anos de idade.
Os futuros boxeadores terán opción de demostrar as súas calidades técnicas ante un xurado nas probas de corda, sombra, saco e manopla demostrando quen ten maior proxección no deporte das luvas.
En canto á San Silvestre Subida a Castro, a proba atlética popular contará cun percorrido de 7 quilómetros e saída ás 11:00 horas. Ademais por segundo ano, e á mesma hora, organízase tamén a Andaina Marabillas da Casa, que transcorrerá por zonas como o Monte das Teixuguiras, Concheiro, Castro da Subidá, Camiño Real, Penizas ou o Lavadoiro de Ludeiro.