Remontada de casta do Pontevedra en As somozas (2-2) nunha segunda parte con polémica incluída
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño
Despois dunha primeira parte tan intensa e disputada como carente de calidade, cun fútbol directo inadecuado para as aspiracións dun Pontevedra que caía na trampa tendida polo seu rival, o mellor que nos deixou o partido fronte ao Somozas foi ver a capacidade de reacción do conxunto granate e a súa resistencia a asumir unha derrota que parecía cantada nun partido marcado por unha desastrosa actuación arbitral que condicionou notablemente o desenvolvemento do partido.
Conocidas son as dificultades do Somozas para sacar adiante os partidos que xoga no seu campo, como tamén o é, o propio Milo comentárao durante a semana, que unha das súas armas é o poderío no xogo aéreo e nas contras. Pois ben, a pesar diso os granates aceptaron levar o partido ao terreo que máis conviña ao seu rival.
Dende o mesmo asubío inicial se viu claramente que o Somozas pretendía ceder o balón ao Pontevedra e explotar a velocidade de Rubén, un pesadelo para a zaga visitante. O que non entraba no guión era que os granates quixesen chegar á área rival polo camiño do fútbol directo, tendo como referencia arriba a un Richi batallador, pero evidentemente impotente ante torres como Fiuza, Edi ou David Franch.
Así as cousas, despois dunha primeira ocasión visitante, cun balón que rematou alto Moisés, prexudicado por un mal bote previo ao seu disparo, chegou o que o Somozas buscaba, facilitado pola permisividade da zaga granate que concedeu a Rubén unha verdadeira autoestrada para que percorrese conducindo o balón dende medio campo propio ata a liña de fondo. Emilio aproveitaría o regalo do seu compañeiro para poñer ao cadro local por diante na súa primeira chegada.
O Pontevedra encaixou o golpe a duras penas. Co partido no sitio que querían, os locais esperaban a súa oportunidade sen grandes angustias. O partido era tan intenso na disputa como carente de xogadas de mérito ou perigo. Ata que apareceu Santi Domínguez, ao fío do descanso. O seu disparo buscaba a rede, pero encontrouse coa man de Paco e a cepa do poste que evitou o empate.
Clamoroso penalti sobre Iago Paz que o árbitro non sinalou
Quedaba a segunda parte e non parecía que a cousa fose a mellorar. Milo cambia a Cristóbal Juncal, minguado fisicamente, por Pacheco, axustando as marcaxes en defensa ao poñer a Yago Vázquez a disputar os balóns aéros con David Franch. O Pontevedra levaba a iniciativa, pero non inquietaba, ata que o árbitro quixo converterse en protagonista. Corría o minuto 58 de partido cando un disparo de Jacobo era rexeitado con apuros por Paco, o balón cáelle a David Pérez que vé a Iago Paz só na área, pero cando este se dispoñía a rematar a pracer é trabado por Edi. A xogada foi clara para todo o mundo, era penalti e expulsión, menos para o colexiado coruñés que non quixo saber nada.
E do posible empate pásase ao que parecía a sentenza. O Somozas non chegaba, pero nunha acción illada cun balón tan ben tocado por David Franch como mal defendido pola defensa visitante, Rubén aproveita para facer o segundo gol verdibranco.
Tocaba a rebato e esta vez os xogadores granates deron o talle. Non baixaron os brazos. Non se renderon. Ao contrario, tocados no seu orgullo lanzáronse en tromba intentando reverter a situación. Primeiro chegou (agora si) o penalti sinalado polo árbitro por mans de Dani, penalti claro pero que o colexiado pitou por intuición, xa que o disparo de Santi Domínguez, que ía a porta, foi interceptado por un brazo, pero o coruñés non se decatou de quen, xa que non mostrou tarxeta ningunha. O propio Santi transformaba o máximo castigo e metía o Pontevedra no partido.
Quebada a heroica. Milo dá entrada a Stefan e pouco despois a Sestelo facéndoos actuar xuntos na punta de ataque para buscar o fútbol directo, sen transición, pero agora con argumentos ao dispoñer de dous homes poderosos no xogo aéreo, ademais de liberar a Santi Domínguez para construír dende atrás e aparecer por sorpresa. E o plan deu resultado.
Stefan remataba no primeiro pau un corner inexistente decretado polo colexiado, que minutos antes ignorara outro evidente, nun balón perfectamente lanzado por Santi Domínguez. Nin sequera se celebrou o empate. Os granates querían máis, fóronse rapidamente ao centro para obrigar o rival a continuar o partido. Richi, minguado fisicamente dende un golpe recibido na primeira parte tivo nas súas botas a vitoria, co tempo cumprido, pero o remate fóiselle moi alto.
Ao final empate. Empate, este si, con sabor a vitoria porque o Pontevedra mereceu máis e pola actitude dos seus xogadores, que outras veces remataron os partidos con claros síntomas de fatiga, e que nesta deron exemplo de que con loita e esforzo pódese conseguir calquera meta.
U.D. SOMOZAS (2): Paco (2); Ayala, (2), Fiuza (1), Dani (1), Suso (1); David Franch (2), Edi (2); Emilio (2), Pablo Berros (s.c.), Denís (1); e Rubén (3).
Substitucións: Jesu (2) por Pablo Berros, lesionado, minuto 10. Carlos (1) por Emilio, minuto 71. Nando (s.c.) por Denís, minuto 85.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (1); Cristóbal Juncal (1), Yago Vázquez (3), Pablo (1), Adrián (2); Iago Paz (2), Moisés (1); Richi (1), Jacobo (2), David Pérez (1); e Santi Domínguez (3).
Substitucións: Pacheco (2) por Cristóbal Juncal, minuto 46. Stefan (2) por Moisés, minuto 69. Sestelo (2) por David Pérez, minuto 80.
Árbitro: Pablo Brea Peón (0), auxiliado nas bandas por Mella Fernández e Patiño García (A Coruña). Amoestou a Ayala, Suso, Edi, Lloves, Jacobo, David Pérez e Stefan.
Goles: (1-0) Minuto 8: Contraataque do Somozas levado dende campo propio por Rubén que conta coa permisividade da zaga granate para chegar a liña de fondo; o seu centro atrasado remátao a pracer Emilio. (2-0) Minuto 63: Balón dividido que pon David Franch entre os centrais e o porteiro granate que aproveita Rubén anticipándose para marcar de cabeza. (2-1) Minuto 68: Penalti por mans de Dani que transforma Santi Domínguez cun disparo raso e polo centro, enganando a Paco. (2-2) Minuto 87: Corner inexistente sinalado polo colexiado que bota Santi Domínguez e Stefan se adianta á defensa peiteando de cabeza no primeiro pau.
Incidencias: Campo Municipal de Pardiñas (As Somozas). Apenas 100 espectadores nas bancadas.
VESTIARIOS:
MÍCHEL ALONSO: O adestrador local lamentouse ao final do encontro pola renda de 2-0 desperdiciada polo seu equipo: "O Pontevedra lévase un punto e case non sabe nin como. Creo que hoxe fomos mellores, tiñamos o partido onde nos interesaba e despois de estar dous cero, téndoo tan preto... pero ao final case puido pasar calquera cousa, o Pontevedra foise con todo arriba, xogando moi directo con Stefan e Sestelo e acabounos metendo aí atrás. Nós levamos semanas sen gañar, na casa con problemas e cando nos vemos con resultado a favor case pedimos a berros que se remate o partido cando queda moito".
Milo Abelleira: "o equipo empatou e queriamos todos o 2-3 porque creo que o teriamos merecido"
MILO ABELLEIRA: Para o técnico granate a actitude dos seus foi a correcta, aínda que se lamentou dos erros cometidos: "O primeiro gol é un balón que sae case ao lado da súa área David en vez de facer falta déixao pasar, logo a Pablo pásalle por debaixo e por último hai un erro de marcaxe. En todos os partidos e por desgracia neste tamén empezamos por detrás e cústanos moito remontar, pero seguimos con todas as ganas, buscamos as solucións ao ver que estabamos a ter pouco remate e o intentamos con Stefan, o equipo empatou e queriamos todos o 2-3 porque creo que o teriamos merecido. Sabiamos que hoxe era un partido importante".