España e Polonia, primeiras seleccións confirmadas para o Memorial Domingo Bárcenas de balonmán en Pontevedra
Por Diego Espiño
O Torneo Internacional Domingo Bárcenas de balonmán, que se celebrará o próximo mes de xaneiro de 2018 en Pontevedra e Vigo, contará coa presenza da selección de Polonia, ademais do combinado nacional absoluto que exerce tradicionalmente de anfitrión nesta cita.
Son os dous primeiros equipos confirmados para a prestixiosa competición, que habitualmente reúne a catro seleccións na fase de preparación para as competicións internacionais.
É un dos anuncios realizados este martes en Vigo, onde se reuniron representantes do goberno local da cidade olívica, de Pontevedra e das federacións Galega e Española de balonmán para avanzar na organización dos eventos que ambas as cidades organizarán conxuntamente nos próximos anos.
Tal e como se anunciou o pasado mes de abril, Pontevedra e Vigo serán dous das sedes do Campionato Junior de balonmán 2019, acollendo cada unha un grupo da fase previa con seis selecciones nacionais. Ademais do 8 ao 10 de xaneiro do próximo ano coincidindo co Memorial Domingo Bárcenas disputarase en ambas as cidades o Campionato de España por Autonomías para as categorías infantil, cadete e xuvenil.
"A idea é repartir ao máximo entre as dúas cidades", recoñeceu o presidente da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro, incluíndo nesa idea o Torneo Internacional, pero aínda non se definiu exactamente como se fará.
Esta colaboración entre as principais cidades das Rías Baixas responde segundo lembrou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a que "é obrigado que nos poñamos dacordo porque Pontevedra non ten posibilidades de acoller a todo o campionato tanto por falta de instalacións deportivas como de prazas de hostalería".
Na reunión estiveron presentes tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o presidente da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez. Ademais completaron a representación do Concello de Pontevedra a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, e o director do servizo municipal de Deportes, Jaime Agulló.