A Garda Civil impide participar no RallyMix de Cuntis a tres vehículos dados de baixa por despezamento
Por Redacción
O RallyMix Cuntis Vila Termal, que se estreaba a fin de semana do 11 e 12 de marzo no calendario autonómico, provocou unha investigación da Garda Civil derivada das verificacións técnicas previas á proba.
Compoñentes do Destacamento de Tráfico de Pontevedra descubriron durante as verificacións que estaban inscritos e dispostos a participar no rally tres vehículos que figuraban de baixa definitiva por despezamento.
As investigacións posteriores realizadas concluíron coa investigación do propietario dun taller despezamento da comarca do Salnés, acusado da comisión dun presunto delito de falsidade documental.
Segundo comprobaron por mor desta circunstancia, esta persoa utilizaba turismos que foran dados de baixa a través do plan Prever para poñelos de novo en circulación vendéndoos a xente que quería transformalos para participar neste tipo de probas, emitindo previamente falsos certificados de despezamento dos mesmos.
Os compradores, en todo caso, non están a ser investigados xa que eles non terían cometido delito algún.
O GIAT do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra instruíu dilixencias que foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis.