#OlloConPepe, o cura e o alcalde no Rallymix de Cuntis
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
A volta á competición das dúas veces campión galego José Miguel Martínez 'Bamarti' non será o único regreso soado co que contará o I RallyMix Cuntis Vila Termal que se celebrará os días 11 e 12 de marzo.
O hastag #OlloConPepe que está a empezar a promover a Escudería Cuntis Vila Termal avisa das súas intencións, e é que o patriarca do clan, Pepe Mieres, volverá poñerse detrás dun volante de competición 27 anos despois. "Hai moitos anos participei en carreiras de coches", explica, pero desde entón é un simple afeccionado ao motor.
Farao por sorpresa, xa que foron os seus fillos os que tramitaron sen dicirlle nada a licenza de piloto na Federación Galega. Por iso, ao decatarse da idea, pensou en participar con dous bos amigos como copilotos, o alcalde Manuel Campos e o cura da vila, Juan Carlos Martínez. "Ou vén un ou vén o outro", avisa.
Ao segundo aínda aspira a convencelo, pero o alcalde si que confirmou a súa asistencia a pesar de que "teño subido en coches e gústame conducir pero nunca subín nun coche de rally", recoñece. O párroco pola súa banda, de momento, bota balóns fóra aludindo a que "os sábados estou moi ocupado", ao que engade entre risas que "se non vou conducindo xa non me fio tanto".
Pepe Mieres: "Saímos de últimos porque así nunca nos pilla o de atrás"
A idea é promocionar a cita automobilística e darlle uso aos coches de Mieres, un Peugeot 106 e un Peugeot 206, cos que competirá o seu fillo o resto do campionato galego (nesta cita será director de carreira), aínda que "se gañamos sigo eu", avisa.
En todo caso a intención é "pasalo ben e a ver acabamos", sinala. Competirán en último lugar, pechando cada un dos tramos "porque así nunca nos pilla o de atrás", confesa Pepe entre bromas, consciente de que "ganarlle aos pequenos manda carallo".
Os participantes do I RallyMix de Cuntis, organizado pola Escudería Cuntis Vila Termal, afrontarán cinco pasadas a un tramo de 13,940 metros, dos cales 11,460 metros serán cronometrados intercalando fases de asfalto e de terra que garanten a espectacularidade para os afeccionados ao motor. Un percorrido no que haberá que ter #OlloConPepe.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- O RallyMix de Cuntis cumpre coa tradición e promociónase cun divertido spot: "Queres terra?"
Por Diego Espiño |
-
A Garda Civil impide participar no RallyMix de Cuntis a tres vehículos dados de baixa por despezamento
Por Redacción |
-
Bamarti triunfa na casa na lucida estrea do RallyMix de Cuntis
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Espectáculo asegurado no I Rallymix Cuntis Vila Termal
Por Redacción |