Caco, Sestelo, Santi Domínguez e Tubo, baixas seguras para recibir o Barbadás
Por Diego Espiño
A enfermaría do Pontevedra non remata de baleirarse no tramo decisivo de competición e unha semana máis serán varios os futbolistas granates que se perdan a xornada ligueira.
Ademais de Fran Fandiño, recuperándose da súa operación de pube, tres son os xogadores que seguen sen recuperarse das molestias que lles impediron disputar o partido de Barreiro o pasado domingo, son os casos de Santi Domínguez, Sestelo e Caco, se ben o caso do capitán é máis preocupante porque os problemas musculares que arrastra non lle permitiron adestrar ao mesmo ritmo que o grupo nas últimas semanas, sen que se aprecie unha gran melloría no seu estado.
A esta lista de baixas xa seguras únese ademais a de Tubo, sancionado cun encontro por acumulación de amoestacións, polo que Milo Abelleira terá pouco marxe de sorpresa ante o equipo ourensano e podería repetir o once inicial de Barreiro.
Pontevedra-Barbadás, domingo ás 17:00 horas
O conxunto granate regresa a Pasarón despois de dous desprazamentos complicados coa necesidade de conseguir unha vitoria que se lle resistiu en Somozas e Vigo se quere aspirar a entrar entre os catro primeiros clasificados.
O calendario deparou tres encontros que serán clave nas aspiranciones dos lerezanos. Primeiro será a quenda do Barbadás, un equipo que se encontra no seu mellor momento da tempada despois de enlazar sete xornadas consecutivas sen perder e que parece ter xa na man o seu obxectivo principal da tempada, a permanencia. O conxunto ourensano, en estado de graza, xa conseguiu vencer o Pontevedra na primeira volta (2-0). Despois tocará de viaxar a Carballo para enfrontarse ao Bergantiños, a día de hoxe en postos de descenso, para recibir despois a unha das revelacións do ano, o Ordes, que se encontra só un punto por detrás dos granates.
Tres partidos vitais antes de afrontar un sprint final que medirá aos de Milo Abelleira, entre outros, con Compostela, Racing de Ferrol e Deportivo B.