VÍDEO.- "Orgullosos" do labor solidario da Escola Xadrez Pontevedra en Xordania
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
"Esperemos que sirva para polo menos aliviar a estancia dos refuxiados sirios". Con esas verbas o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, daba inicio a unha serie de partidas virtuais de xadrez entre xogadores da cidade e do campo de refuxiados de Azraq, en Xordania, onde a Escola Xadrez Pontevedra leva a cabo por segundo ano un proxecto de cooperación.
Desde o día 6 e ata o 17 de abril a expedición do club pontevedrés colabora no mantemento dunha escola de xadrez no campo de refuxiados, poñendo en marcha ademais un servizo de préstamo de material.
"Estamos orgullosos", recoñeceu Lores mentres dialogaba mediante unha videoconferencia coa aula de xadrez do campamento, en Xordania, prometendo manter no futuro a colaboración municipal aínda que "espero que non sexa necesario ir moitos anos máis e que haxa unha solicón para toda esa xente", defendeu.
Ademais de impartir leccións a pequenos e adultos, a Escola Xadrez Pontevedra, dentro do proxecto 'Xadrez pola Paz', levou consigo ao campo de Azraq material como taboleiros de distinto tipo, pezas, cadernos ou material escolar ou adaptado a persoas con deficiencia visual.