O Open de Galicia de Descenso regresa a Marín
Por Redacción
O Lago de Castiñeiras será escenario durante a fin de semana, por cuarto ano consecutivo, dunha proba de descenso en bicicleta, o DH Kamikazes.
Será a segunda cita puntuable do Open de Galicia de Descenso, organizado polo CD Kamikazes, que ademais da proba absoluta suma á programación unha competición infantil e outra de enduro.
A organización promete espectáculo nos 2 quilómetros de trazado deseñado, no que participarán máis dun cento de especialistas.
A programación arrincará o sábado 29 de abril ás 10:00 horas cos adestramentos libres ata as 13:00 horas, retomándose ás 15:30 horas contando con remontes. O domingo pola súa banda de 8:30 a 10:30 horas celebraranse os adestramentos oficiais e ás 11:00 horas arrincará a competición coa manga clasificatoria estando a final fixada para as 13:00 horas.
Despois da cita inaugural, o Descenso do Xalo, chegan a Marín como líderes Toni Ferreiro (Coruxo-Mérida) en Elite, Marco Martínez (Corbelo) en Cadete, Jorge Panizo (Bici Verde) en Júnior, César Sánchez (Corbelo) en Sub-23, Carlos Díaz (Jarnachas) en Máster-30, José Manuel Verdía (Ciclos Quintena) en Máster-40/50/60 e Andrea Martínez (Asturbike) na clasificación feminina.