Marcón, Beluso e Campo Lameiro, ilusionados con lograr o ascenso a Preferente
Por Redacción
Ilusionante xornada a que teñen por diante o Marcón Atlético, Beluso e o Campo Lameiro na Primeira Rexional, equipos que xunto ao Amanecer do Grove aspiran a lograr o ascenso a Preferente.
Con só dous partidos por diante, o único equipo que depende de si mesmo é o Marcón, xa que se vence a domicilio (domingo, 17:00 horas) a outro dos aspirantes, o Beluso, recuperaría a categoría perdida hai un ano. Faríao despois dunha liga de altibaixos pero na que sempre se mantiveron con opcións de conseguir o obxectivo. Ademais o equipo pontevedrés, líder con 64 puntos, ascendería en calquera caso se o cuarto clasificado, o Amanecer, non vence no campo do San Miguel (domingo, 17:00 horas).
Tanto Beluso como Campo Lameiro, ademais de vencer, necesitan que non o faga o Amanecer se queren ser equipos de Preferente esta mesma xornada, sen esperar ao último partido de liga.
No caso do Campo Lameiro, a ilusión disparouse na localidade e ata se fretou un autobús para que os seus afeccionados apoien ao equipo en Ponteareas, onde visitarán (domingo, 19:30 horas) á SD Juvenil. Ante a transcendencia do partido e a oportunidade que se lle brinda ao club, o Concello colaborou subvencionando o autobús que trasladará aos xogadores, polo que o Campo Lameiro decidiu custear á súa vez o autocar que usen os seus seguidores.