Accionistas minoritarios do Pontevedra intentan agruparse para preparar a próxima Xunta
Por Redacción
A situación do Pontevedra C.F. preocupa e moito en bastantes sectores. A marcha da sociedade, e non só a nivel deportivo, senón en canto á súa xestión e futuro será motivo de análise e comentario o martes, ás 21:00 horas, nunha asemblea aberta para socios e pequenos accionistas que se celebrará na cafetaría Avalon, na rúa Santa Clara, baixo a convocatoria dos colectivos de afeccionados Granavedra e Furya Granate.
O motivo da reunión non é outro que preparar unha postura común dos accionistas minoritarios, liñas de intervención e preguntas a realizar, de cara á próxima Xunta Xeral de accionistas.
Será unha primeira toma de contacto á que seguirán dúas novas convocatorias antes da data fixada, o próximo 15 de abril, nas cales os convocantes desexan poñer o dia da actualidade do club a todos os interesados en asistir, ademais de intentar formar un único colectivo opositor, agrupando o máximo numero de accións para estar ámpliamente representados e deixarse oír na Xunta.