Sufrida vitoria do Leis para asegurar a súa permanencia en Segunda B
Por Redacción
Ata o último minuto tivo que suar e sufrir o Leis Pontevedra para certificar a súa permanencia na Segunda División B de fútbol sala.
Un empate condenáballes ao descenso na última xornada de liga, pero lograron impoñerse ao Xove (2-1) no Municipal.
Saíron a por todas en ataque os pontevedreses na busca dun gol que achandase o camiño, pero a boa actuación do porteiro visitante impediuno durante os primeiros minutos. Así, pese ao dominio e as ocasións, chegábase ao descanso sen goles no marcador.
Volveu tentar o Leis ao comezo do segundo acto atopando premio aos 3 minutos da continuación cun gol de Barcala tras xogada de Pablo.
A ansiedade atenazaba aos de Manu Cossío e o Xove aproveitou para gañar terreo e contar con ocasións, resoltas con acerto por Rubén en portería. Foi así ata que no minuto 37 o Xove conseguía o empate.
Faltaban só tres minutos e o Leis necesitaba un gol con urxencia, polos que Cossío apostou polo xogo de cinco. Puido chegar por dúas veces o tanto, pero finalmente fíxoo á terceira cun gol de Miguel que valía moito máis que tres puntos, valía unha permanencia.
Ata o final os locais pararon o ritmo de xogo para que pasasen os segundos e asegurar un resultado que dá valor a unha dura tempada.