Adestrando para converterse en auténticos 'gladiadores'
Por Redacción & Mónica Patxot
"Que Somos? Gladiadores!". Con ese sinxelo berro e no medio dun divertido ambiente deu comezo este martes o adestramento oficial da terceira Gladiator Race de Pontevedra.
Un grupo de deportistas que afrontarán o próximo 3 de xuño a popular proba por obstáculos congregouse no exterior do Pazo da Cultura para recibir os consellos dun adestrador profesional.
Este adestrador, André Fit Trainer, traballou cos asistentes a forza e a resistencia a través de xogos e exercicios que deixaron ver o que será a Gladiator Race, unha auténtica xornada festiva.
A sesión era de balde para os inscritos na Gladiator Race, que tamén se achegaron ata a Illa das Esculturas, punto central dunha carreira que gañou merecidamente un posto no calendario deportivo da cidade.
As inscricións para a Gladiator Race de Pontevedra permanecerán abertas ata o día 30 de maio a través da web www.gladiatorrace.es e da plataforma www.championchipnorte.com, nun evento que contará con tres categorías: Warrior (11 quilómetros e 30 obstáculos), Rocket (6 quilómetros e 20 obstáculos) e a opción infantil, a Gladiator Kids.