Os veteranos da Federación Galega de Fútbol duplican o seu número de equipos en Pontevedra
Por Redacción
A incorporación de equipos ás ligas federadas de fútbol veterano está indo moito máis rápido do esperado na Federación Galega de Fútbol. Despois das reunións mantidas esta semana en Pontevedra e Santiago, son prácticamente a totalidade dos equipos destas dúas delegacións os que se pasan á competición federativa.
Así, as ligas federadas de Pontevedra pasan dos 49 equipos que se inscribiron o ano pasado a un total de 110 para a próxima campaña (61 equipos novos), mentras que en Santiago foran 9 os clubs que decidiran dar o paso hai pouco menos dun ano e agora súmanse 67, facendo un total de 76 equipos para a 2017-18.
Na competición de veteranos de Pontevedra hai equipos da cidade do Lérez, dos concellos limítrofes e das comarcas do Morrazo, O Salnés, Ulla-Umia e Deza-Tabeirós. E a competición de Santiago inclúe equipos da capital de Galicia e de toda a comarca santiaguesa, pero tamén do Barbanza, Deza, Arzúa, Melide, Ordes, Xallas e incluso Bergantiños.
Cabe destacar tamén que en Lugo mantéñense todos os equipos. Xa o ano pasado se pasaran a totalidade dos clubs á competición federada e así vai a continuar.
Nas reunións celebradas esta semana o presidente da Futgal, Rafael Louzán, acompañado polo directivo José Manuel Fernández, puido comprobar de primeira man a satisfacción xeralizada dos equipos que xa participaron esta tempada nas competicións federadas. Todos destacan o bo funcionamento da mutualidade, a clara mellora na arbitraxe e o acerto dos sistemas competitivos. A cuota da mutualidade é de 45 euros e a arbitraxe ten un custe de 50 euros por partido.
Nas vindeiras datas darase a coñecer a composición definitiva de grupos en cada unha das ligas.