Dobre fichaxe no Pontevedra, que se fai cos servizos de Miguel Ángel e Carlos Ramos
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol segue apostando neste mercado estival pola xuventude. Así o reflicte a dobre contratación anunciada este mércores despois de varias xornadas sen novidades na configuración do plantel pero si con moito traballo nas oficinas do club.
As novas fichaxes dos granates son Carlos Ramos e Miguel Ángel Muñoz, ambos os dous futbolistas de 22 anos de idade aínda que só o segundo deles ocupará praza de futbolista sub-23.
Carlos Ramos é un mediocentro zamorano formado na canteira do Atletico de Madrid e que a pasada campaña militou no Burgos compartindo grupo na Segunda B co Pontevedra. De feito seu foi o gol do seu equipo en Pasarón nun encontro no que os de Luisito se impuxeron por 2-1. Xogou na liga, incluíndo a promoción pola permanencia, un total de 28 partidos, 18 deles como titular.
Pola súa banda Miguel Ángel é un lateral dereito madrileño formado no Getafe, club co que chegou a debutar en Primeira División hai dúas tempadas e co que adquiriu experiencia en Segunda B, nun filial co que o último ano xogou na Terceira División aínda que sen demasiada continuidade.
Ambos os dous xogadores comprométense co Pontevedra por unha tempada.
Con eles o plantel empeza a tomar forma e conta xa con 16 xogadores confirmados, cos renovados Bruno Rivada, Edu Sousa, Mouriño, Kevin Presa, Álex Fernández, David Añón e Álex González e as fichaxes David Goldar, Anxo Pérez, Marcos Álvarez, David Castro, Jon Etxániz, Adrián León e Víctor Mongil.
Con estas incorporacións a defensa queda practicamente perfilada, a falta de saber se finalmente se logra a continuidade de Bonilla ou se busca un reforzo máis para o lateral zurdo, mentres se traballa co obxectivo prioritario de atopar un dianteiro de referencia para a categoría.