O equipo xuvenil do Waterpolo Pontevedra repite presenza no Campionato de España de 2ª categoría
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo o equipo xuvenil do Club Waterpolo Pontevedra estará presente no Campionato de España de 2ª Categoría, que se disputa entre o venres 30 de xuño e o domingo 2 de xullo en Vitoria.
O equipo pontevedrés buscará mellorar a cuarta posición que logrou hai un ano nas Palmas, nunha competición que pon en xogo unha praza de acceso á 1ª Categoría, que será para o campión.
En total 10 equipos cítanse na piscina de Medizorrotza, na localidade vasca, encadrados en dous grupos de cinco para unha liguiña inicial.
O Waterpolo Pontevedra quedou emparellado con CW Dos Hermanas (Andalucía), CNW Majadahonda Caude (Madrid), WP Donosti (País Vasco) e Mallorca WP (Baleares).
Javi de Sáa dirixirá a un equipo que estará composto por: Pablo Sueiro, Pablo Teijeira, Jacobo Baltasar, Luis Mosquera, Iago Facal, Aarón Tellería, Eric Tacón, Germán Amoedo, Ángel Castrillón, Rodrigo Sobral, Sergio Martínez, Abel Dacosta, Rodrigo García, Lucas Puy e Xandre Aboal.