Raquel Torres e Manuel Fontán, seleccionados para o Festival Olímpico da Xuventude
Por Redacción
Son dúas das grandes promesas pontevedresas do mundo da piragua, tal e como confirmaron en diversas competicións ao longo da tempada. Por iso recibiron como premio a chamada da Real Federación Española de Piragüismo.
Raquel Torres (Club Piragüismo Verducido-Pontillón) e Manuel Fontán (Club Náutico O Muíño) serán dous dos catro deportistas que representarán a España no próximo Festival Olímpico da Xuventude, que se celebrará entre o 21 e o 30 de xullo na localidade húngara de Gÿor.
Ambos os dous padexeiros foron convocados tendo en conta o ránking nacional cadete coas probas disputadas ao longo da tempada, como o Campionato de España de Xóvenes Promesas na que Raquel Torres conseguiu a medalla de ouro no K-1 da súa categoría.
A deportista do Verducido-Pontillón participará en Hungría nas probas de kaiak de 200 e 500 metros, mentres Manuel Fontán afrontará os 200 e 500 metros de canoa individual e ademais compoñerá o C-2 mixto xunto á balear Carolina González.
Completará o equipo español no Festival Olímpico da Xuventude o tamén galego Xoel García (Club Kaiak Foz) no K-1 200 e 500 masculino.