Trescentos nenos participarán este domingo na segunda edición da Mini BTT de Salcedo
Por Alejandro Espiño
Os arredores do antigo campo de tiro da Brilat acollerán este domingo 30 de xullo, a partir das once da mañá, a segunda edición da Mini BTT Comunidade de Montes de Salcedo.
Na proba, organizada polo Club Ciclista Farto e na que colaboran o Concello e os comuneiros da parroquia, participarán uns 300 nenos e nenas pertencentes a unha ducia de equipos chegados de toda Galicia.
A proba ten carácter autonómico e discorre por un circuíto trazado no monte. Os participantes teñen todos entre cinco e doce anos.
O circuíto varia segundo as idades. Vai desde os 400 metros para os máis pequenos (prebenxamíns), ata os 1,5 quilómetros para promesas e principiantes e os 2 quilómetros para alevíns e infantís. Todos eles teñen un tempo máximo de carreira que fixa a normativa.
Tanto a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, como o organizador da proba, Fermín Farto, subliñaron o grande nivel deportivo de esta carreira e o bo momento que vive o ciclismo no municipio de Pontevedra.