A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, campioa de España de novas promesas
Por Redacción
Novo éxito deportivo para a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra. O club da Boa Vila proclamouse campión de España de novas promesas no torneo celebrado esta fin de semana no encoro asturiano de Trasona.
Os pontevedreses cumpriron cos prognósticos que os situaban como máximos favoritos ao triunfo final e impuxéronse por segundo ano consecutivo. Liderou a clasificación xeral de clubs cun total de 796 puntos, fronte aos 696 que logrou o Club Náutico de Pontecesures e os 687 puntos do Club Náutico Sevilla, segundo e terceiro respectivamente.
Polo que respecta ao medalleiro, o piragüismo galego levou un total de 30 medallas das cales 10 foron de ouro, 11 de prata e 9 de bronce, sendo o club con máis metais a E.P. Ciudad de Pontevedra con 12 medallas.
María de la Peña foi ouro en C-1 500 metros cadete A e, xunto con Lucía Pérez, tamén quedou campioa en C-2 500 metros cadete.
Ouro tamén foron Antía Otero e Ángela Jorge en C-2 1.000 metros infantil A e, por separado, foron ouro e prata respectivamente en C-1 1.000 metros infantil A.
Subcampións de España quedaron Martín Jácome en C-1 1.000 metros cadete B, Fátima Moreira en K-1 500 metros cadete B, Sara Abilleira e Nuria Rodiño en C-2 500 metros cadete e Ana Costas e Lucía Graña en K-2 1.000 metros infantil B. Estas últimas, ademais, lograron o bronce en K-1 1.000 metros infantil B e C-1 1.000 metros infantil B respectivamente.
A colleita para o club pontevedrés completouse co bronce de Ángel Fuego e Martín Jácome en C-2 1.000 metros cadete B.
Con estes resultados finaliza a XVI liga nacional de novas promesas na que a clasificación xeral queda encabezada pola E.P. Ciudad de Pontevedra con 411 puntos. Seguíronlle con 407 puntos o Club Náutico Pontecesures e o Club Náutico Sevilla con 394 puntos.