36 equipos deportivos de Pontevedra asinan coa Xunta contratos de patrocinio
Por Redacción
Case corenta equipos deportivos de Pontevedra e a súa área de influencia asinaron este luns os novos convenios de patrocinio coa Fundación Deporte Galego, dependente da Xunta. Este plan beneficiará, en total, a 166 equipos galegos e conta cun orzamento próximo aos 2,4 millóns de euros, financiados entre a propia fundación e Abanca.
Os contratos foron rubricados pola secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, que estivo acompañada polo xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e mais o director de negocio institucional de Abanca en Pontevedra, José Luis Romero.
Para a máxima responsable do deporte galego, estes convenios representan "o traballo ben feito de todas aquelas entidades que prestan un servizo fundamental para a nosa sociedade: a accesibilidade ao deporte e á competición deportiva".
A secretaria xeral manifestou que "a Xunta de Galicia debe ser ese defensor e protector da práctica deportiva, como o é da cultura ou da educación".
Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o plan de patrocinios como "un excelente negocio" xa que apostar polos deportistas galegos "é apostar sobre seguro". Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como Abanca, "se sumen a este compromiso que beneficiará, sen excepción, a todos os habitantes de Galicia".
Os equipos de Pontevedra e a súa área que asinaron os convenios de patrocinio foron a Sociedad Gimnástica, o Arxil, o Supermercados Froiz, o Pontevedra CF, o Leis Pontevedra, a SD Teucro, o Cidade de Pontevedra, o Cisne, o Náutico Ría de Pontevedra, a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, o Tenis de Mesa Monte Porreiro ou o Piragüismo Verducido.
Entre outros, tamén asinaron o Cortegada, o Marín Peixegalego, o Club Kaiak Polo Combarro, o Breogán do Grove, o Xuven Cambados, o Club Piragüismo Portonovo, o Club Cambados Tenis de Mesa, o Club Piragüismo Vilaboa, o Club Piragüismo Illa de Arousa, o Club Deportivo Vilagarcía Tenis de Mesa ou o Club Náutico O Muíño.