O Consello Superior de Deportes rexeita o recurso do Peixe Galego, que queda fóra da LEB Prata
Por Diego Espiño
A un cravo ardendo agarrábase o Peixe Galego para tentar competir na categoría que por dereitos deportivos correspondíalle, a Liga LEB Prata, pero as súas opcións desvanecéronse.
O Consello Superior de Deportes comunicou este luns ao club marinense que rexeita o recurso presentado tras a negativa da Federación Española de Baloncesto (FEB) a inscribir ao equipo por, supostamente, defectos nun aval bancario.
O Peixe Galego segue defendendo que presentou en tempo e forma toda a documentación necesaria e carga duramente contra a Federación Española, á que acusa de cambiar de argumentación para xustificar a súa decisión, tendo en conta que primeiro sinalaron non ter recibido ningunha documentación e tras a queixa dos de Marín referíronse só ao citado aval.
Esta maneira de proceder "non ten unha clara explicación, salvo a procura a conciencia dun motivo para penalizar a Marín", acusan desde o club peixe.
Aínda por riba a directiva entende que "non deixa de ser rechamante" que a notificación da non inscrición se producise o 18 de xullo e que en pleno mes de setembro a FEB non devolvese os 10.000 euros abonados en materia de inscrición e o correspondente a outro pagarei de 10.000 euros máis.
"Consideramos desde o Marín Peixefresco que a FEB renuncia á súa esencia, que debe ser a defensa e a protección do baloncesto. Vulnera as súas funcións eliminando dunha plumada o traballo de anos, as opcións dun club modesto de permanecer mantendo un soño e unha ilusión, obviando a boa fe manifesta", explica o club nun comunicado.
A decisión do Consello Superior de Deportes deixa unha única vía ao Peixe Galego para defender os seus intereses deportivos, acudir á xustiza ordinaria. Por iso avanza que "o club estudará e esgotará e todas as vías que o ordenamento xurídico pon á súa disposición".
Por outra banda, a directiva da entidade marinense confirmou que manterá aos adestradores e corpo técnico do equipo de LEB, que pasarán polo momento a potenciar as categoría de formación.
Relacionadas:
-
Un equipo a contrarreloxo pero de garantías para recuperar na cancha a categoría perdida
Por Redacción |
-
A Copa Galicia de baloncesto, puro espectáculo na Raña
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Unha festa do baloncesto galego para goce da afección marinense
Por Redacción |
-
O Peixe Galego tramita a súa inscrición na Liga EBA
Por Diego Espiño |
-
Renuncia á Copa Galicia dun Peixe Galego que segue á espera do CSD
Por Redacción |
-
O baloncesto galego pecha filas para esixir a inscrición do Marín Peixe Galego na LEB Prata
Por Alejandro Espiño |
-
A Federación exclúe ao Peixe Galego da LEB Prata
Por Redacción |