O baloncesto pontevedrés pon en marcha unha nova e ilusionante tempada
Por Redacción
O baloncesto pontevedrés presume de saúde no inicio dunha nova tempada deportiva, que os clubs locais encaran con ilusión.
Durante esta semana clubs como o CAB Pontevedra, Baloncesto Estudiantes Pontevedra ou Arxil iniciaron a actividade das súas categorías inferiores e convidan a probar o deporte da canastra aos nenos e nenas da comarca.
O CAB Pontevedra celebra estes días xornadas de portas abertas nos adestramentos de cada un dos equipos, destinados a nenos e nenas entre os 4 e os 14 anos que queiran iniciarse no baloncesto. As sesións levanse a cabo nos pavillóns de Príncipe Felipe e do IES Frei Martín Sarmiento e acudir durante estas xornadas é de balde. Os horarios dos adestramentos pódense consultar na web www.cabpontevedra.com.
Pola súa banda o Club Baloncesto Estudiantes Pontevedra iniciou a súa actividade no pavillón do IES Xunqueira I, na primeira tempada que aposta pola incorporación xogadoras para participar nas ligas femininas de categoría cadete e junior.
En total o Estudantes ten previsto sacar 12 equipos nas diferentes categorías, desde premini ata a senior. No seu caso as xornadas de captación e portas abertas desenvolveranse durante todo o mes de setembro, podendo conslutar os horarios de traballo de cada unha das categorías na web www.estudiantespontevedra.com.
Tamén iniciou a tempada nas súas categorías de base o Club Baloncesto Arxil, no seu caso no Pavillón Universitario nunha tempada na que as categorías inferiores contarán cun equipo técnico de sete adestradores baixo a coordinación de Marita Janeiro.
No Arxil, dedicado en exclusiva á promoción do baloncesto feminino, poden formalizar as inscricións a través do correo cbarxil@hotmail.com ou en teléfono 627153849.