Desaparece o Pontevedra na segunda parte e os seus fallos defensivos facilitan a vitoria do Fuenlabrada (2-0)
Por Redacción
Dúas caras tivo o Pontevedra no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada. Bo primeiro tempo con dominio territorial e pésimo segundo, sen capacidade de reacción tras encaixar o primeiro gol precedido dun grave erro defensivo, ata recibir o segundo sobre o tempo regulamentario, cun gol que chegaba tamén como consecuencia da fraxilidade defensiva e da mala sorte, ao rebotar o balón no porteiro galego.
Os madrileños, un equipo chamado a loitar polo ascenso non foron mellores, pero souberon impoñer a súa superior calidade en accións puntuais para gañar sen sufrimento e mesmo con maior comodidade da esperada tras conseguir abrir o marcador.
Saíu o Pontevedra con personalidade e ambición. Froito diso fíxose co control do balón, dominando territorialmente e sen permitir ao Fuenlabrada que inquietase a Edu. Ben é verdade que aos granates custáballes crear perigo, especialmente como consecuencia da contundencia dos centrais madrileños, Cata Díaz e Armando, que se impuxeron case sempre nas accións a un Etxániz con escasa presenza.
Claro que ese dominio case a dá aos de Luisito para adiantarse, pero como adoita suceder cando un equipo non está no seu mellor momento, nin sequera a fortuna axúdalle. A madeira da portería local impediu que o disparo de Jorge chegase ao fondo da portería, cando se xogaba o minuto 24.
Superada a media hora Luís Milla presentou os seus galóns. O centrocampista local puxo criterio e os seus comezaron a soltarse nivelando o dominio galego. Aínda así, o Fuenlabrada apenas chegou máis que nun pase de Fran García que Dioni non acertou a rematar, cinco minutos antes do descanso.
O que ninguén se esperaba era a transformación negativa do Pontevedra ao regreso de vestiarios. Dani Fernández atopou unha autoestrada pola súa banda e aproveitouna para entrar na área e rematar cruzado, imposible para Edu.
O gol foi como unha laxa para o Pontevedra, que a partir de aí apenas deu unha a dereitas. Aínda que houbo algúns achegamentos con relativo perigo, como un disparo de Marcos Álvarez nunha falta que se foi arriba ou un remate de cabeza de Iván Martín, co mesmo destino, os de Luisito non melloraron nin sequera cos cambios ofensivos realizados polo técnico, e foron escasas as ocasións en que pisaron terreo madrileño.
E a fraxilidade defensiva dos galegos volveu poñerse de manifesto no último minuto, cando Hugo Fraile sentou a Goldar rematando ao pau, coa mala fortuna para os granates que o balón deu en Edu e terminou dentro. Foi a puntilla para un Pontevedra fráxil defensivamente e sen pólvora en ataque.
CF FUENLABRADA (2): Pol Freixanet; Dani Fernández, Fran García, Cata Díaz, Armando, Luís Milla (Matheus, minuto 90), Yaw Annor (Hugo Fraile, minuto 64), Paco Candela, Dioni, Cristóbal (Miguel Ángel, minuto 90) e Quero.
PONTEVEDRA CF (0): Edu; Miguel Ángel, Jimmy, David Goldar, Bruno, Adrián León, Marcos Álvarez (Álex González, minuto 70), Kevin Presa, Etxániz (Iván Martín, minuto 55), Jorge e David Añón (Berrocal, minuto 70).
Árbitro: Raúl Chavet García (Andalucía), auxiliado nas bandas por Ángel María Valverde Martínez e Guillermo Paradas Mazuela. Amoestou a Cata Díaz, Luís Milla e ao adestrador Antonio Calderón, no Fuenlabrada, e a David Añón e Marcos Álvarez, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 52: Dani Fernández. (2-0) Minuto 89: Edu, en propia meta.
Incidencias: Estadio Fernando Torres (Fuenlabrada-Madrid). Uns 1.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Jimmy deberá pasar polo quirófano e estará un mínimo de dous meses de baixa
Por Diego Espiño |
-
Chega o primeiro triunfo dun Pontevedra en franca melloría á conta do San Sebastián de los Reyes (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Obrigados a reaccionar na visita do San Sebastián de los Reyes
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra estrea camiseta e patrocinador
Por Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra iguala o seu peor arranque ligueiro dos últimos 38 anos
Por Diego Espiño |
-
Fuenlabrada, un rival de nivel para buscar o primeiro triunfo do curso
Por Diego Espiño |
-
Desconto fatal para un Pontevedra que deixa escapar a vitoria sobre o Toledo na última xogada (3-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |