Víctor Gallego, atleta da Gimnástica: "o que estamos a facer agora hai poucos anos sería impensable"
Por Diego Espiño
É toda unha institución na Gimnástica, non en balde Víctor Gallego (Vigo, 1986), chegou ao club en categorías inferiores e moi pronto comezou a competir co equipo absoluto en disciplinas como o lanzamento de peso e disco, sendo o único atleta que estivo presente en todas e cada das 11 tempadas consecutivas que o club pontevedrés militou ata o momento na División de Honra. Agora, aos seus 31 anos, quere manterse na elite e chegar, por que non, a vivir desde a pista o centenario do club.
- Moitos anos xa na Gimnástica, desde cando en concreto?
Pois mira eu empecei na Gimnástica no 99. Estiven os dous primeiros nun filial, que era o San Miguel de Marín, e logo xa vin para a Gimnástica. Competindo en ligas desde que pasei á categoría junior, debeu ser 2005 ou 2006. E desde aí pois todas.
- De feito creo que es o único atleta que estivo no equipo en todas as tempadas en División de Honra.
Si, estiven na anterior ao ascenso, na tempada do ascenso e nas 12 que van, esta que empeza será a 12, que non fallei en ningunha.
- E nese tempo pasaches de todo, desde sufrir para non descender ata estar nunha final a 4 equipos polo título.
O do título para min foi o mellor momento de grupo. Agora estamos a metade da táboa, non temos moito problema en descender nin tampouco quedar entre os primeiros, estamos entre o sétimo e décimo máis ou menos. Pero cando fumos ao título a 4, eramos o equipo con menos orzamento de longo, era súper baixo, acababamos de ascender, levabamos dous anos. Eramos un dos que tiñamos que ir ao decenso e fomos ao título. Eran catro e quedamos cuartos, pero bo foi unha festa incrible.
- Comentaba Alberto Salcedo noutra entrevista que a pesar de non poder pelexar por máis erades os que máis felices só por estar aí.
É que nós chegamos ao nivel de animar aos demais. Mira, pasounos unha historia en Zaragoza co Barcelona, que neses equipos o normal é gañar e marchar, e Bermejo o mellor saltador de altura de España daquela época estaba a saltar e ninguén dicía nada. Baixamos os 30-40 da Gimnástica a animarlle e o tío estaba flipado. Isto é un xogo, hai que pasalo ben.
- É é espírito o que fai diferente á Gimnástica?
A xente que vén é o que di, que somos moi familiares, é o que une aquí no club.
Parece fácil pero haberá moito traballo detrás para estar en media táboa, crees que a xente se afai aos bos resultados?
Claro, pero é que ao principio era só o feito de estar en División de Honra, diciamos que a ver canto aguantamos, e agora... O que estamos a facer agora hai poucos anos sería impensable.
- E aos seus recentemente estreados 90 anos, como ves ao club na actualidade?
A Gimnástica aquí en Pontevedra probablemente sexa unha das institucións máis importantes. É un club que coñece todo o mundo, as escolas están a facer un traballo incrible, con máis de 200 nenos. Nunha cidade na que, xa sabes como vai isto, case todo é fútbol, que chegue un club de atletismo e se poña como un dos de maior número de fichas é incrible. Hai moito traballo por parte da directiva, moitos adestradores que cobrando pouco e traballan moito.
- Cambiando un pouco cara ao apartado persoal, que retos tes para este ano?
Quero volver ao meu nivel, porque levo un par de anos que entre estudos, traballo, a familia, adestrando... con moitas cousas. Espero este ano volver estar nos postos de cabeza, véxome ben.
- Iso como atleta pero, pensas seguir ligado ao atletismo no futuro?
A miña intención é acabar o último nivel de adestrador nacional pero por agora son atleta, non quero ligarme a ningún neno ou persoa para adestrala. En todo caso si, a miña intención é seguir ligado ao atletismo xa sexa como adestrador, como directivo ou o que sexa.
- Faltan 10 anos aínda, veste aínda en activo no centenario da Gimnástica?
Espero chegar, teño 31 anos e con 41 un lanzador pode chegar, é factible. Logo pensaría en retirarme.
Relacionadas:
-
Batería de reforzos para os equipos absolutos da Gimnástica
Por Redacción |
-
Tempo de cambios na Sociedad Gimnástica
Por Redacción |
-
Unha cea á altura de 90 anos de historia
Por Redacción & Diego Torrado |
-
90 anos de Sociedad Gimnástica, en imaxes
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Sociedad Gimnástica, unha historia que comeza "cos 28 de Pontevedra"
Por Marisa Ciordia |
-
Saltando na rúa para celebrar o aniversario da Gimnástica
Por Redacción |