Cambio de dinámica dun Pontevedra serio que minimiza ao Racing de Ferrol e levanta voo (1-2)
Por Raúl Salgado
FERROL: Servicio especial para Pontevedraviva de www.ferrol360.es. Texto de Raúl Salgado e Fotos de Mero Barral (www.13fotos.net).
Unha estratexia que se demostrou inadecuada deixou ao Racing con imaxe escurecida. De tanto ir o cántaro á fonte, o Pontevedra traballou tres puntos que confirmou con espírito de vitoria. Sen baixar os brazos a pesar das dificultades do inicio.
En clara progresión co avance da contenda, os de Luisito saíron da Malata con mellor balance do que se podería esperar. O duelo comezou igualado e acabou cunha vantaxe aparentemente imposible de remontar para o cadro de Miguel Ángel Tena.
Como aperitivo, un recambio. Diego Maceira quedou no banco e os verdes fiaron as súas posibilidades a Fran Sota, destino de canta obstrución teceu o cadro visitante. Seu foi o protagonismo nos minutos do trinque, demostrando frescura, axilidade e reflexos.
Outra vez, o Racing deixou pasar o tempo sen afianzar a súa proposta. Tentou explorar as conexións de banda a banda, entre Nano Macedo e Adrián Armental, e atrasou a Jacobo Trigo e Gonzalo García para solidificar a súa tarefa defensiva.
Abría ordenadamente espazos no seu beneficio e conseguía cegar a parcela de David Añón, o seu estandarte. A retardación premeditada da súa aposta acabou frutificando, non sen antes liderar Joseba Beitia unha acometida como resposta.
O labor de Fran Sota queríase ver acompañada polo potencial de Juan Mera, que acabaría sendo relevado ao descanso por falta de definición. De novo, impotencia e rostros apagados na continuación. O bo tramo inicial dese período derivaría en mero oasis.
Envorcado e enchufado en zona rival, o rexurdir do Racing foi temporal. Mendi inxectou optimismo e Pablo Rey pareceu atopar ocos. Aínda que algo máis incisivo, o equipo naval distaba de ser resolutivo e tinguiu de gris o seu xogo. Había disparos, pero máis por romper a dinámica a ver que ocorría que por achegar certidumbre.
A amoestación previa a Gonzalo García pesou tras o primeiro gol dos granates, mostra de picardía e efectividade. Precipitou a entrada de Diego Maceira para dotar de empuxe ao once e acelerou o último cambio, posibilitando a incorporación de Alain Eizmendi.
Lonxe de cambiar de partitura, Luisito botou o resto. Sumou ao ortegano Marcos Álvarez e logrou a mellor versión de Etxaniz, veloz e cos dentes longos. Para redondear a alegría, saltou ao céspede Mongil e marcou en cuestión de segundos. Había apuros puntuais demasiado notorios na sala de máquinas e concedíase demasiado.
O Pontevedra ratificou entón que a clasificación non estaba a ser xusta e foi capaz de amarrar ata o último milímetro. De tanto frear, acabou secando ao Racing. A excesiva dependencia de Sota deixou sen recursos aos verdes nunha tarde sen desequilibrios rechamantes, pero cunha paleta sen colorido no seu repertorio.
Unha pena máxima sobre Jacobo Trigo fixo as funcións de simple maquillaxe. Quedaba un minuto. Transformou Pablo Rey e o panorama non se viu alterado. O Pontevedra rompía dunha tacada dous balances negativos, gañando a domicilio despois de máis de seis meses (non o facía desde marzo fronte ao Lealtad) e facelo nun campo como A Malata que se lle resistía desde fai oito tempadas (2009/2010) e onde recibira duras derrotas nalgunhas das súas últimas comparecencias.
RACING DE FERROL (1): Ian Mackay, Aitor Aldalur (Alain Eizmendi, minuto 70), Nano Macedo, Víctor Vázquez, Jacobo Trigo, Gonzalo García (Diego Maceira, minuto 58), Adrián Armental, Joseba Beitia, Fran Sota, Pablo Rey e Juan Mera (Mendi, minuto 46).
PONTEVEDRA CF (2): Edu, Miguel Ángel, David Castro, David Goldar, Adrián León (Mongil, minuto 67), Kevin Presa, Álex González (Carlos Ramos, minuto 84), Jorge (Marcos Álvarez, minuto 60), Etxániz, Prosi e David Añón.
ÁRBITRO: José Alberto Pardeiro (Cantabria). Amoestou aos locais Gonzalo García no minuto 17, Aitor Aldalur no 68, Adrián Armental no 75 e Víctor Vázquez no 85 e aos visitantes David Castro no 41 e Miguel Ángel no 63.
GOLES: (0-1) Minuto 56: Álex González. (0-2) Minuto 69: Mongil. (1-2) Minuto 89: Pablo Rey, de penalti.
INCIDENCIAS: Campo da Malata (Ferrol). Uns 2.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Segue crecendo o Pontevedra á conta do Real Madrid Castilla (2-0) nun partido brillante dos granates
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Ás voltas coa defensa para recibir ao Real Madrid Castilla
Por Diego Espiño |
-
Jimmy, operado con éxito no Hospital QuirónSalud: "Espero que en menos de 8 semanas esté ya jugando"
Por Diego Espiño |
-
Adrián León, dúbida para a próxima xornada de liga
Por Diego Espiño |
-
A Malata, escenario de nivel para confirmar a melloría granate
Por Diego Espiño |
-
Jimmy deberá pasar polo quirófano e estará un mínimo de dous meses de baixa
Por Diego Espiño |
-
Chega o primeiro triunfo dun Pontevedra en franca melloría á conta do San Sebastián de los Reyes (3-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Pontevedra estrea camiseta e patrocinador
Por Ramiro Espiño |