O IES Sánchez Cantón inaugura o novo curso das DEPOrte Escolas da Deputación
Por Redacción
O curso 2017/2018 das DEPOrte Escolas da Deputación inaugurouse oficialmente este venres cun acto no IES Sánchez Cantón de Pontevedra.
Máis de 10.000 nenos de entre 5 e 15 anos participarán este curso nalgunhas das nove modalidades deportivas ofertadas en 50 concellos da provincia.
Balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha, piragüismo e baloncesto son os deportes ofertados.
"Facer deporte e promover o deporte é un dereito. Non facemos nada extraordinario, facemos o que temos que facer. Unha sociedade con nenos e nenas que fan deporte é máis feliz. Aprenden a convivir, a socializar a ter unha vida máis sá, a ter obxectivos comúns… o deporte é fundamental", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva, no acto de inauguración que coincidía coa posta en marcha da escola de patinaxe.
Na comarca contarán con Deporte Escolas os municipios de Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Bueu, Marín, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Vilaboa, Cambados, O Grove, A Illa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova e Vilagarcía.
A matrícula, que é gratuíta, pode formalizarse ata que se completen todas as prazas dispoñibles descargando o formluarión da web da Deputación e entregándoo despois nalgún dos rexistros provinciais, as oficinas o ORAL ou a través del correo electrónico deportes@depo.es.