Abre o prazo de inscrición para as 'DEPOrte Escolas' da Deputación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra puxo en marcha unha nova edición do programa 'DEPOrte Escolas', co que pretende incentivar a iniciación na práctica deportiva nos nenos e nenas de entre 5 e 15 anos.
Máis de 10.000 nenos e nenas de 50 municipios poderán acceder a estas escolas deportivas.
A oferta para o curso 2017/2018 compóñena nove modalidades deportivas: balonmán, fútbol, taekwondo, patinaxe, judo, rugby, marcha atlética, piragüismo e baloncesto.
O período de inscrición xa está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra, onde debe descargarse o formulario pertinente para unha vez cumprimentado entregalo en calquera dos rexistros da administración provincial, nas oficinas do ORAL ou a través do correo electrónico deportes@depo.es.
Estas escolas deportivas, con matrícula gratuíta, complementan a oferta dos propios municipios, chegando na comarca de Pontevedra a concellos como Caldas de Reis, Cuntis, Moraña, Bueu, Marín, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Vilaboa, Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía e Vilanova.