Pablo Dapena, entre os favoritos en Eivissa no Campionato de España de Longa Distancia
Por Diego Espiño
Eivissa será escenario o vindeiro domingo 22 de outubro do Campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia, último gran reto da tempada para Pablo Dapena.
O triatleta pontevedrés figura entre a terna de favoritos no seu primeiro ano na distancia, e preparou a conciencia a cita coa intención de borrar o mal sabor de boca que lle deixou a súa polémica descualificación no pasado Mundial de Canadá.
Iso quedou atrás e Dapena quere discutir o reinado de Gustavo Rodríguez nesta especialidade, e é que non en balde o tudense defende coroa e chega a Eivissa tras asinar un quinto posto no Campionato de Europa. El é o rival para bater, pero na lista de inscritos figuran outros deportistas como Ángel Salamanca, subcampión en 2016, ou Emilio Aguallo, campión nacional de media distancia en 2015.
A carreira elite masculina dará comezo ás 8:00 horas do domingo cun percorrido de 4.000 metros de natación, 120 quilómetros de ciclismo e 30 quilómetros de carreira a pé.
Pontevedra estará ademais pendente do que ocorra en Eivissa xa que o próximo ano será a sede deste Campionato de España, aínda que a Federación Española de Tríatlon atrasou a data inicial prevista sendo fixado finalmente para o día 26 de agosto. Ademais en 2019 recalará na Boa Vila o Mundial da especialidade dentro do ITU Multisport Festival.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- Pablo Dapena, rei nacional do tríatlon de longa distancia
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena logra o subcampionato de España en distancia olímpica
Por Redacción |
-
Caloroso recibimento a Pablo Dapena tras a súa decepción mundialista
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena, descualificado cando rodaba en boa posición no Mundial de Longa Distancia
Por Diego Espiño |
-
Pablo Dapena, cuarto no Campionato de España de Tríatlon Sprint
Por Redacción |
-
Emocionante vitoria de Pablo Dapena na media distancia do triatlón de Vitoria
Por Alejandro Espiño |