Situación límite na Ponferradina a poucos días de recibir ao Pontevedra
Por Diego Espiño
Era ao comezo de liga un dos máximos favoritos ao ascenso, pero despois de 10 xornadas de liga en Grupo I da Segunda División B a situación é diametralmente oposta e as augas baixan revoltas na capital do Bierzo.
A Sociedad Deportiva Ponferradina, situada por todos os seus rivais como un dos mellores planteis da categoría nome por nome, encadea seis xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria (con cinco derrotas) e caeu a postos de descenso, penúltimo con só 6 puntos.
Son momentos complicados en Ponferrada para o equipo e sobre todo para o seu adestrador, o vasco Carlos Terrazas, ao bordo da destitución e xa sen marxe para o erro a poucos días de ter que recibir no Toralín a un Pontevedra Club de Futbol que tampouco comezou acertado a tempada pero que si foi endereitando o seu rumbo.
Segundo informa o diario dixital Infobierzo, este mesmo luns o consello de administración da Ponferradina reuniuse para valorar a continuidade de Terrazas, adestrador e secretario técnico do equipo, aínda que a proximidade do encontro de Copa do Rei que deben afrontar este mércores ante o Villarreal conxelou polo momento o asunto.
A pesar de tratarse dun equipo da zona nobre da Primeira División, un derrota avultada ante os castellonencos podería desencadear os acontecementos, o que se segue con atención desde a cidade de Lérez.
En todo caso no Pontevedra son conscientes da difícil situación que atravesan os bercianos e tentarán o domingo (17:00 horas) pescar en río revolto, aproveitando a ansiedade e a presión sobre a Ponferradina para así conseguir tres puntos que lle permitan seguir escalando postos na clasificación.
Relacionadas:
-
A Copa do Rei pon sobre aviso ao Pontevedra na súa visita ao Toralín
Por Diego Espiño |
-
Remontada milagrosa dun gris Pontevedra fronte un Coruxo sen puntería que merece gañar (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Os partidos mañaneiros atragántanselle a un Pontevedra que volve ás andadas (2-0) en Majadahonda
Por Redacción |