O San Martiño en Bueu é sinónimo de atletismo popular
Por Redacción
O domingo 12 de novembro Bueu ten unha cita cun dos eventos clásicos no seu calendario deportivo, o Carreira Pedestre San Martiño, que chega á súa XXII edición.
O Club Atletismo Corredoiras ultima os detalles dunha proba deportiva que aspira a contar cunha importante participación de atletas de todas as categorías, chegando aos preto de 900 que participaron na pasada edición.
A carreira celebrarase por un circuíto urbano de 2 quilómetros de lonxitude ao que os deportistas de categoría absoluta darán tres voltas (6 quilómetros en total), con saída e chegada nas inmediacións do Museo Massó, na Avenida Montero Ríos.
Ás 12:00 horas darase a saída á proba senior pero antes, desde as 10:00 horas, terá lugar a competición das categorías inferiores, desde a idade chupete ata a cadete.
As inscricións permanecerán abertas ata o día 9 de novembro na web www.prueba-t.es cun custo de 6 euros. Para as categorías inferiores será de balde e formalizarase desde os centros escolares antes do día 3.