Trinta minutos e apagamento dun Pontevedra que se afunde repetindo erros en Talavera (2-1)
Por Redacción
Tres partidos nunha semana e nos tres o desconto ou os últimos minutos condenan a un Pontevedra que empeza a ter un preocupante problema de falta de intensidade ou concentración en momentos craves do xogo. Nesta ocasión os granates realizaron 30 minutos iniciais máis que aceptables, para a partir de aí vir abaixo, ceder a iniciativa ao Talavera para acabar perdendo nunha acción que pon en evidencia a debilidade defensiva pontevedresa.
Gañou o Talavera e fíxoo con xustiza. A súa vitoria chegou moi ao final, pero o lóxico é que se producira moito antes antes o número e importancia das ocasións xeradas ante Edu, especialmente ao comezo dun segundo tempo no que o Pontevedra practicamente non existiu, limitándose a defender e encomendarse á actuación do seu porteiro ou a falta de acerto rematador dos toledanos, deixando ademais dúbidas sobre a capacidade física dun equipo que deu sensación de non ter gasolina nos minutos finais, cando máis a necesitaba.
Sorprendeu Luisito cun once inicial no que optou polo músculo e os centímetros, dando entrada a Iván Martín e Berrocal e situando a Adrián León como acompañante de Kevin Presa na medular para acomodar a Mongil como acompañante de Goldar no centro da defensa. A batuta creativa quedaba nas botas de Mouriño, con Marcos Álvarez como outra das sorpresas ao ocupar o lugar do máximo goleador granate, David Añón, que quedaba no banco, o mesmo que Álex González.
A aposta saíulle inicialmente ben ao técnico de Teo, que atopou a mellor versión de Marcos Álvarez, para poñer sentido ás transicións ofensivas como alternativa ao fútbol directo co que os galegos buscaban a Iván Martín ou Berrocal.
Deste xeito, tras unha dúbida inicial nun despexe defectuoso que case lle custa un desgusto aos visitantes, esta vez os primeiros minutos sorriron ao Pontevedra cando Marcos Álvarez realizou unha gran acción pola banda dereita, desbordando a Villarejo para poñer un perfecto balón raso ao segundo pau que non desaproveitou Berrocal, marcando a pracer tras gañar as costas á defensa.
Era o escenario ideal para un equipo granate que puido xogar como pretendía, evitando no posible a zona central, na que Paul Quaye parecía ter patente de corso para empregarse case sempre ao límite do regulamentario, e creando moito perigo especialmente nas accións a balón parado.
Precisamente de lanzamentos de esquina chegaban as opcións para David Castro, que rematou fóra, para Berrocal, que mandou o balón moi preto da escuadra, ou para Mongil, que tampouco atopou porta.
Os locais apenas inquietaban máis que nun remate de Espinar que detivo Edu, mentres o Pontevedra tívoa nunha boa transición finalizada por Iván Martín cun disparo lixeiramente alto.
A partir da media hora os granates deron un paso atrás, empuxados polo Talavera que comezou a dominar territorialmente e que fixo sufrir aos granates ata o descanso, tanto que Espinar puido conseguir o empate cun disparo desde a interior da área que se marchou moi preto do poste dereito da meta de Edu.
Lonxe de disipar dúbidas, os granates incrementaron as mesmas ao comezo da segunda parte e o Talavera fíxose amo absoluto do balón e do xogo, comezando a acumular ocasións de gol que evitaba case sempre Edu. Jesús Jiménez, por dúas veces, atopouse co porteiro galego, pero o acoso local non cesou e un centro lateral de Melchor era cortado coa man por Goldar. O claro (e imprudente) penalti transformábao Espinar no tanto do empate.
Nin ao recibir o gol reaccionou o Pontevedra, que seguiu cedendo terreo incapaz de sacar sequera una contra que fixese dubidar ao Talavera. Os toledanos cheiraron o sangue e fóronse decididos a completar a remontada. Edu evitou o segundo en remates francos de Jesús Jiménez, que a continuación fíxolle unha fea entrada pisándolle no cóbado, e de Rubén Rivera, mentres os granates unicamente daban un tímido aviso nunha acción illada na que Álex González puxo a proba a Machuca.
Pero cando parecía que as forzas e a fe empezaban a fraquear tamén no Talavera, unha internada de Melchor pola banda dereita termina cun centro raso para que apareza Jesús Jiménez, incomprensiblemente só no segundo pau, para empuxar e sentenciar a vitoria local.
CF TALAVERA (2): Machuca; Óscar Prats, Villarejo, Mario (Rubén Rivera, minuto 46), San José, Paul Quaye, Melchor, Víctor Andrés, Espinar, Jesús Jiménez (Jesús García, minuto 89) e Jorge (Laerte, minuto 71).
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Miguel Ángel, David Castro, David Goldar, Mongil, Adrián León, Marcos Álvarez (Etxániz, minuto 72), Kevin Presa, Berrocal, Mouriño (Álex González, minuto 55) e Iván Martín (Prosi, minuto 58).
Árbitro: Antonio Sánchez Sánchez (Estremadura), auxiliado nas bandas por José Antonio Gómez Rivera e Antonio Cordón Valladares. Amoestou a San José, no Talavera, e a Berrocal, Mouriño, Adrián León e David Goldar, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 3: Berrocal. (1-1) Minuto 57: Espinar, de penalti. (2-1) Minuto 88: Jesús Jiménez.
Incidencias: Campo Municipal do Prado (Talavera).
Relacionadas:
-
O foco de atención no Pontevedra volve ao plano deportivo
Por Diego Espiño |
-
Luisito promete traballo na volta aos adestramentos: "O que non quería era ser un estorbo"
Por Diego Espiño |
-
Confianza en Luisito e revolución no plantel: "En diciembre tomaremos decisiones"
Por Diego Espiño |
-
O Consello de Administración do Pontevedra non acepta a dimisión de Luisito
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Luisito presenta a súa dimisión tras a derrota en Talavera
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra viaxa a Talavera coa intención de recuperar os puntos perdidos
Por Diego Espiño |
-
O desconto volve amargar ao Pontevedra ante o Fabril (2-2)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O líder Fabril, exame de nivel para un irregular Pontevedra
Por Diego Espiño | Creada e actualizada