Empata o Arosa, importante triunfo do Céltiga e contundentes derrotas de Villalonga e Ribadumia
Por Redacción
Repartición de puntos na Lomba que non deixa totalmente satisfeito nin a Arosa nin a Alondras, situados agora na zona tépeda da táboa. Valioso triunfo do Céltiga no Salvador Otero sobre o pechacancelas Noia, que serve aos insulares para poñer distancia sobre os postos de descenso e contundentes derrotas de Ribadumia en Vilalba e Villalonga en Areas, especialmente dolorosa esta última, xa que sitúa aos de San Pedro nunha delicada situación.
En Vilagarcía o Arosa non acaba de atopar a regularidade que necesita para escalar posicións. Nesta ocasión recibía a un rival directo como o Alondras, pero non puido pasar do empate, tras unha primeira parte disputada, cunha ocasión por bando, a de Seva para os locais e de Mauro para o conxunto do Morrazo.
Na segunda parte chegarían os goles. Aos 53 minutos adiantábanse os de Jorge Otero, cun gol de Seva, pero apenas cinco minutos máis tarde Mauro empataba para o Alondras ao transformar un penalti.
Os arlequinados quedan así en metade da táboa, a sete puntos dos postos de play- off.
Consulta o acta do partido Arosa-Alondras nesta ligazón.
Non desaproveitou o Céltiga a visita do pechacancelas Noia ao Salvador Otero para cortar a súa xeira de tres derrotas consecutivas,sumando tres valiosos puntos que lle serven para poñer distancia cos postos de descenso.
Nun partido marcado polos nervios e a importancia dos puntos, un solitario gol de Manu, á media hora de xogo, inclinou a balanza en favor do equipo local.
Consulta o acta do partido Céltiga-Noia nesta ligazón.
Nove xornadas suma xa o Racing Villalbés sen coñecer a derrota. Nesta ocasión desfíxose con facilidade dun Ribadumia que non foi rival para os da Magdalena.
Os locais sitúanse así na quinta posición, a un só punto das prazas de play- off, mentres o Ribadumia mantense na zona tranquila.
Javi Varela, Make e Jose Varela foron os autores dos goles do cadro lucense, que se foi ao descanso con vantaxe mínima, para sentenciar na segunda metade.
Consulta o acta do partido Racing Villalbés-Ribadumia nesta ligazón.
Nada menos que dez xornadas levaba a Cultural Areas sen coñecer a vitoria. Rompeu esa xeira no momento máis oportuno e fíxoo goleando a un rival directo pola permanencia como o Villalonga, que se mete en problemas, acumulando pola súa banda a súa sexta derrota consecutiva, o que lle leva a empatar a puntos cos postos de descenso.
Os locais inauguraban pronto o marcador, cun gol de Yelco Alfaya aos 9 minutos de partido, para sentenciar na segunda parte. Yanis facía o segundo aos 53 minutos e o mesmo Yanis ampliaba a conta once minutos máis tarde, para que Bruninho redondease o resultado a dez minutos do final.
Consulta o acta do partido Cultural Areas-Villalonga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Sofre pero gaña o Ribadumia, empate meritorio do Villalonga e o Céltiga dá vida ao Negreira
Por Redacción |
-
Cara para Ribadumia e Arosa, cruz para Villalonga e empate de Céltiga na xornada de Terceira División
Por Redacción |
-
O Arosa denuncia a desaparición dun talonario da súa lotería de Nadal
Por Redacción |
-
Gaña e respira o Ribadumia, empata o Arosa en Carballo e caen Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Arosa golea ao Céltiga, o Ribadumia non pode co líder e o Villalonga entra en crise
Por Redacción |
-
Freada do Arosa, bo punto do Ribadumia e derrotas claras de Villalonga e Céltiga
Por Redacción |