Honrosa derrota dun valente Teucro ante o todopoderoso Barcelona (28-38)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Sorprendeu a propios e estraños o Condes de Albarei Teucro co seu plantexamento inicial para facer fronte ao mellor equipo do país, o todopoderoso Barcelona. Quique Domínguez apostou por xogar de inicio con sete xogadores de campo en ataque, sen porteiro, e logrou polo menos incomodar ao vixente e invicto campión da Liga Asobal.
Foi unha maneira honrosa de caer nun choque que parecía decidido de inicio ante a constelación de estrelas dos cataláns, máis desigual se cabe polas ausencias na convocatoria azul, da que caeu a última hora o capitán Carlos García por precaución debido a un golpe no seu pé.
Así, cun ataque en superioridade numérica, comezou o partido, aínda que nos primeiros instantes o experimento non parecía funcionar demasiado ben. Varios desaxustes ante o impoñente 6-0 defensivo do Barcelona propiciaron un parcial en contra de 0-4 con goles sen apenas resistencia. Era o risco que asumían os pontevedreses e dubidaba a parroquia local, pero de súpeto o plan empezou a funcionar. O Teucro atopaba opcións claras de lanzamento e cun par de boas accións en defensa e por parte de Santana en Portería devolvía o parcial (4-4 no minuto 7).
Comezou entón un intercambio de golpes cun alto ritmo de xogo. Chegaron a estar por diante os azuis (6-5 e 7-6), aínda que rapidamente os de Pasqui tiraban de calidade e poderío para igualar e tomar vantaxe. Con todo non cedía a resistencia teucrista para goce da bancada, que vía como pasaban os minutos e o Barcelona non conseguía despegarse no marcador como era de agardar. Foi así ata o 13-13 a falta de 7 minutos para o descanso.
Dous goles de Mem e Palmarsson obrigaban a Quique Domínguez a pedir tempo morto. Empezábase a notar o cansazo e optou por abandonar uns minutos o ataque en superioridade, chegando ao intermedio cun 15-18.
O problema chegou tras o paso por vestiarios. O Teucro saía a pista de novo con sete xogadores de campo, pero cunha curta rotación. Pola contra Pasqui tiraba de rotación e saían a escena xogadores ata entón inéditos como Pérez de Vargas en portería, Raúl Enterríos na primeira liña ou Valero Rivera no extremo, case nada. Esa segunda unidade saltou a pista máis acertada e en apenas cinco minutos lograban despegarse no marcador (16-22). Agora si o experimento de Quique Domínguez esgotaba a súa sorpresa e as perdas de balón eran demasiado frecuentes, polo que optou por volver á versión tradicional.
Foise ata os 11 goles de diferenza o conxunto visitante (20-31) pasado o ecuador da segunda metade, pero nun arranque de coraxe os azuis mantiveron a tensión para caer como merecían, con dignidade. Aínda que non lograron recortar distancias mantivéronse no choque nuns últimos minutos nos que Quique Domínguez aproveitou facer unha chiscadela ao xogadores do filial que se atopaban na convocatoria, Samuel Pereiro e Alves, e que puideron medirse na pista a algúns dos mellores xogadores do mundo.
Ao final ovación da bancada ao plantel pontevedrés como peche a unha positiva primeira volta que deixa ao equipo 4 puntos por riba dos postos de descenso.
SD TEUCRO (28): Borja Méndez (5), Balázquez (6), Juan Quintas (2), Iván Fernández (3, 1p), Samu Gómez (6), Dani Hernández (4), Edu Moledo (1) -siete inicial- Santana, Moyano, De Castro, Ángel Iglesias, Samuel Pereiro, Alves (1p), Lloria.
FC BARCELONA (38): Ristovski (1), Víctor Tomás (4), Sorhaindo (1), Aitor Ariño (2), Alexis Hernández (2), Mem (5), Palmarsson (3, 1p) -siete inicial- Syprzak (4), Jallouz (1), Raúl Entrerríos (1), Valero Rivera (7), N'Guessan (3), Viran Morros (1), Lenne, Aleix Gómez (2) Pérez de Vargas (1).
Árbitros: Estévez Rodríguez e Rosendo López (Galicia). Excluíron a Bruno De Castro e Samuel Pereiro no Teucro e a Viran Morros (2) e N'Guessan no Barcelona.
Marcador cada cinco minutos: 2-4, 6-6, 8-9, 10-11, 13-15, 15-18, descanso, 16-22, 18-24, 20-29, 23-34, 24-35, 28-38.
Incidencias: Partido da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante 1.389 espectadores.
Relacionadas:
-
Segue adiante o Teucro na Copa do Rei tras remontar ante o Benidorm (28-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Teucro quérese regalar unha remontada por Nadal
Por Diego Espiño |
-
O Condes de Albarei Teucro desfalece tras o descanso en Benidorm (31-27)
Por Redacción |
-
Ilusión copeira para o Teucro antes das vacacións de Nadal
Por Diego Espiño |
-
José Manuel Rial, K.O. para toda a tempada
Por Redacción |
-
Teucro-Barcelona no Municipal: Misión imposible?
Por Diego Espiño |
-
O Teucro teme que Rial padeza unha grave lesión de xeonllo
Por Diego Espiño |
-
Non pode Condes de Albarei Teucro cun Bidasoa en alza (32-26)
Por Redacción |