Loita ao límite para o Mapfre no medio do Océano Sur
Por Redacción
A terceira etapa da Volvo Ocean Race está a poñer a proba a resistencia dos participantes, nunha loita sen cuartel non só contra os seus rivais senón contra os elementos.
A frota tivo que soportar ventos de ata 50 nós (92 km/h) no seu paso polo Océano Sur, afrontando o paso por unha borrasca e pegados ao máximo á zona de exclusión do xeo da Antártida.
En só cinco días de navegación o Mapfre completou xa un terzo do percorrido entre Cidade do Cabo e Melbourne (2.250 millas náuticas) superando condicións extremas e nunha igualadada pelexa co Dongfeng. Esas condicións mesmo supuxeron que un veterano como Rob Greenhalgh saíse despedido do temón que manexaba, aínda que coas fixacións de seguridade ben colocadas todo quedou nun susto.
Ás 14:00 horas deste venres a tripulación chinesa mantíñase líder con 18,3 millas de diferenza coa embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, que marcha segunda abrindo un importante oco cos seus perseguidores, xa que o Vestas está a 101,4 millas da cabeza e o Team Brunel a 181,6 millas.
A incógnita nesta importante etapa, que puntúa dobre e podería marcar as primeiras diferenzas importantes na xeral da Volta ao Mundo a Vela, é saber se a frota chegará a porto en Australia a tempo para pasar o Nadal en terra. Polo momento as estimacións colocan aos primeiros clasificados en meta na propia Noiteboa ou o día de Nadal, aínda que todo dependerá de cales sexan as predicións meteorolóxicas para os próximos días.
Relacionadas:
-
O barco español, a defender o liderado na cuarta etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre destácase na clasificación da Volvo Ocean Race tras gañar a terceira etapa
Por Redacción |
-
O Mapfre aproxímase a Melbourne defendendo o seu liderado provisional
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, vencedora co Mapfre na segunda etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción |