O pontevedrés Pedro Ameneiro, campión do mundo sub-17 na clase 420 de vela
Por Redacción
Novo éxito para a vela pontevedresa. O mozo Pedro Ameneiro proclamouse campión do mundo sub-17 na clase 420 de vela, tras vencer no Mundial que se estaba disputando en augas australianas. Colgou a medalla de ouro xunto ao seu compañeiro do Real Club Náutico de Vigo, o vigués Martín Wizner, tras un duro campionato.
A parella galega fíxose co título tras protagonizar unha remontada para a historia. Dúas sancións nos primeiros días do campionato relegáronlles ata unha afastada décima praza na clasificación. Pero aos poucos foron sumando uns espectaculares resultados, incluídas catro vitorias en regatas parciais.
Así, Ameneiro e Wizner chegaron á xornada decisiva, disputada na localidade de Fremantle, con serias opcións de subir ao podio. Estaban a sete puntos da cabeza e, grazas a dous segundos postos, obrouse o milagre.
Os galegos acabaron con 47 puntos, tres menos que os italianos Tommaso Cilli e Bruno Mantero, que foron prata; e catro sobre os tamén italianos Demetrio Sposato e Gabriele Centrone -campións de Europa-, que subiron ao terceiro caixón do podio.
Para facerse con esta vitoria tiveron que superar a unhas corenta tripulacións de Europa, Asia e Oceanía.
O triunfo no Mundial completa un envexable palmarés para a parella do Real Club Náutico de Vigo. Foron subcampións de Europa sub 17 en Atenas o pasado mes de xullo e bronce no Europeo júnior que se disputou Lago di Garda (Italia) en agosto.
Relacionadas:
-
O pontevedrés Pedro Ameneiro e o vigués Martín Wizner, clasificados para ao Mundial Xuvenil
Por Redacción |
-
O vilagarcián Jacobo García, novo campión mundial sub-17 da clase 420 de vela
Por Redacción |
-
Pedro Ameneiro ou como soñar desde Poio cos Xogos Olímpicos
Por Redacción |
-
RADIO.- Pedro Ameneiro: "Practicar vela non é caro, o caro é competir"
Por Marisa Ciordia |