Un Pontevedra de dúas caras sofre ao comezo e merece máis despois ante o Celta B (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Dobre cara dun Pontevedra espeso, nervioso e a mercé do Celta B no primeiro tempo, pero ambicioso, con orgullo e caste no segundo. Os granates elevan a dez as xornadas sen gañar, pero polo menos vanse coa sensación de mellorar notablemente a súa imaxe nos 45 minutos finais, nos que dominaron ao conxunto celeste e rozaron unha remontada que mereceron.
Luismi moveu peóns, cambiou xogadores no once inicial, tentou variar o sistema de xogo, querendo o balón. Por cambiar ata tirou de supersticción, pasando a ocupar o banco contrario na banda ao que ata agora albergaba aos suplentes e técnicos granates. Pero nada forneceu o efecto desexado no primeiro tempo. O Pontevedra estivo case sempre a mercé do Celta B, tanto en fútbol combinativo, como especialmente na velocidade nas accións.
Os vigueses deixaban ao conxunto local ata onde non lles incomodaba o seu xogo, a partir de aí bastáballes con esperar o erro na entrega para saír como balas superando o fráxil centro do campo, case sempre roto e con poucas axudas na presión tras perda dos seus homes de arriba.
Certo é que, a pesar dos nervios que en bastantes ocasións acusaba a defensa local, que Edu apenas pasaba apuros, pero tamén resultaba evidente que Jero Lario era un mero espectador ao que non lle chegou nin un só remate perigoso en todo o primeiro tempo. A diferenza estaba nas sensacións. As que deixaban os celestes era de que a pouco que pisasen o acelerador inclinarían a balanza, como así foi.
Primeiro avisou Drazic, nunha mala entrega de Adrián León en zona comprometida. Edu atopouse cun frouxo disparo do dianteiro rival, que non lle creou problemas, pero o mesmo Drazic protagonizou a xogada que abría o marcador. A súa condución a toda velocidade permitiulle chegar ata a liña de fondo para desde alí poñer un centro raso. Debería ser para a defensa, pero Goldar e Bruno estiveron tan lentos e despistados como espabilado Juan Hernández, que se adiantou a todos chegando desde atrás para rematar desde moi preto.
Pasada a media hora o Pontevedra pareceu reaccionar. Iso deulle para ter máis balón, pero tamén para estar máis exposto ás contras viguesas e á calidade de Dejan Drazic, un pesadelo para a defensa granate. Súa foi unha rápida transición que Eckert non aproveitou ao rematar excesivamente cruzado e un pase co exterior que deixou en evidencia á zona central da zaga pontevedresa, aínda que de novo Eckert fallou rematando por encima do traveseiro.
No descanso as expectativas entre a afección local non eran moitas, salvo que cambiase radicalmente a decoración. E fíxoo de forma case completa, por unha banda porque o Celta B dedicouse ao resultadismo, encerrado atrás á espera dunha contra que sentenciase o resultado, pero principalmente porque o Pontevedra foi outro.
Con orgullo e caste, os granates xogaron ao que mellor saben, presionando arriba sobre a saída de balón do rival, recuperando pronto e percutindo sobre a defensa visitante, que aínda que non concedía grandes opcións, polo menos xa non podía xogar cómoda, nin lograba conectar cos seus homes avanzados. Os homes de Luismi recorreron a un fútbol menos elaborado e máis directo. Certo é que as ocasións tardaron en chegar, pero cando o fixeron houbo momentos de auténtico abafo e presión para a área celeste.
Mouriño, moi activo, tiña unha primeira opción, rematando alto unha boa xogada entre Jorge e Jimmy. Drazic respondía cun remate afastado que Edu mandou a corner. Ata que o técnico local moveu ficha. Primeiro deu entrada a Añón e logo a Álex González pasando Jorge a xogar por dentro. Foi clave. O partido entraba na súa recta final cando o propio Añón remataba de cabeza por encima do traveseiro. Logo poñía un gran centro que Berrocal remataba ao corpo de Robert Costa, pedindo man que o árbitro non sancionou.
Ata que os granates recollían o premio á súa intensidade e pelexa. Jimmy subiu a banda poñendo un centro que Berrocal peiteou no primeiro pau e Jorge rematou sen oposición o bordo da área de meta. Era o empate que facía xustiza e que acendeu ao equipo local e á afección. Os granates envorcáronse. Berrocal e Jimmy viron como os defensores rivais taponaban senllos disparos con moito perigo que terminaron en corner.
O Celta atopou nos lanzamentos afastados a forma de sacudirse o perigo e Edu evitou que os vigueses se adiantasen de novo. O partido entrou na tolemia e puido levalo calquera. Estivo preto o Pontevedra (minuto 89), cun gran remate de Álex González que se foi ao poste, con Jero Lario batido, paseándose logo pola área sen atopar rematador e tívoo a continuación o Celta B, xa co tempo cumprido, de novo cun lanzamento afastado, neste caso de Agus Medina, que repeleu o traveseiro.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Juan, Jimmy, David Goldar, Adrián León, Bruno, Marcos Álvarez (Álex González, minuto 72), Carlos Ramos (David Añón, minuto 62), Berrocal, Mouriño e Jorge (Etxániz, minuto 83).
R. C. CELTA DE VIGO "B" (1): Jero Lario; Riki Mangana, Diego Alende, Robert Costa, Rai Marchán, Diego Pampín, Juan Hernández, Dani Molina, Dennis Eckert (Franco Lobos, minuto 78), Dejan Drazic (Aarón Rey, minuto 77) e Agus Medina.
Árbitro: Fernando Román Román (Castela-León), auxiliado nas bandas por Rubén Díez Díez e Diego Calvo Antolín. Amoestou a Juan e Adrián León, no Pontevedra, e a Diego Alende, Robert Costa, Jero Lario e Dani Molina, no Celta B.
Goles: (0-1) Minuto 18: Juan Hernández. (1-1) Minuto 81: Jorge.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.700 espectadores.
Relacionadas:
-
Un Pontevedra en inferioridade desde o primeiro tempo cae coa cabeza alta en Burgos (3-1)
Por Redacción |
-
Nacho López, o lateral dereito que buscaba o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Viaxe vista e non vista a Burgos para a cita copeira
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Luismi relativiza a Copa Federación: "nuestro objetivo es pensar en el domingo"
Por Ramiro Espiño |
-
Para empezar o ano, derbi provincial ante o Celta B
Por Diego Espiño |
-
Víctor Mongil, primeira baixa no Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Luismi aposta pola posesión e por un Pontevedra que "sexa dominador dos partidos"
Por Diego Espiño |