Nova edición do plan de mantemento dos campos de fútbol da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha, por segundo ano consecutivo, o plan de mantemento dos campos de fútbol da provincia, a través do cal cede aos concellos maquinaria para poder manter en perfecto estado os seus campos de herba natural e sintética e estender a súa vida útil.
Este programa garante a recuperación destes espazos que, en moitas ocasións, presentan un estado de conservación defectuoso debido á falla de previsión do seu mantemento.
Poderán beneficiarse deste plan todos os concellos da provincia que acrediten a titularidade municipal do campo que vaia ser obxecto das actuacións.
Para acondicionalos, a institución provincial porá a disposición dos concellos un tractor de forza motriz e un apeiro varredor que permitirán, nos campos de herba artificial, a limpeza e retirada de elementos vexetais e corpos estraños que se acumulan co paso do tempo, a descompactación do céspede ou a carga mediante maquinaria especializada que incrusta púas de goma vibrantes, o cepillado da cuberta artificial e o recebo mediante a reposición de area ou caucho con axuda da maquinaria especializado.
No caso dos campos de herba natural, a Deputación de Pontevedra cede aos concellos un tractor que achega forza motriz e apeiros pinchadores, escarificadores e sementadores que permitirán o escarificado para aumentar a densidade da herba, o pinchado da superficie para o aireado da terra e sementado.
Os concellos interesados en beneficiarse do plan deberán presentar unha solicitude que será atendida por rigorosa orde de rexistro de entrada.
A Deputación de Pontevedra achegou, o ano pasado, maquinaria e persoal para acondicionar 93 campos de fútbol en 39 concellos da provincia mediante este plan.